Estados Unidos muda o nome de 600 topónimos por ser nomes despectivos coas mulleres nativoamericanas

Os topónimos contiñan o termo ‘squaw’, empregado historicamente como un insulto racial e sexista cara a este colectivo.

squaw valley usa-min

O Departamento do Interior de Estados Unidos iniciou hai uns meses un proceso para a eliminación e substitución dun termo despectivo para as mulleres indíxenas utilizado durante décadas en todo Estados Unidos, ‘squaw’. O seu uso é considerado polos indios americanos “racista”, “misóxino” e “despectivo”.

A secretaria de Interior, Deb Haaland, emitiu unha orde na que declaraba despectivo o termo "squaw". O termo utilizouse historicamente como un insulto étnico, racial e sexista cara ás mulleres dos pobos indios. Un grupo de traballo de 13 membros traballou neste tempo para mudar o nome de máis de 600 accidentes xeográficos que conteñen este termo despectivo.

O departamento publicou no seu día unha lista de posíbeis nomes de substitución para os sitios xeográficos, e procurou a colaboración pública sobre os nomes propostos. Tamén se procedeu a consultar a representantes dos diferentes pobos nativos.

"As palabras importan, especialmente no noso traballo para facer que as terras e augas públicas da nosa nación sexan accesíbeis e acolledoras para persoas de todas as orixes". manifestara Haaland.

Un mapa creado polo Grupo de Traballo sobre Nomes mostra os lugares que requiren novos nomes en todo o país. Haberá que cambiar o nome de lugares que van desde a illa de White Squaw en Maine até Squaw Hollow en Oregón.

O pasado mes de setembro, o departamento informaba que finalizara a revisión destes nomes e que estábase a votar as novas denominacións. “A nivel nacional, as achegas do público ao proceso de cambio de nome incluíron máis de 1.000 recomendacións de cambios de nome, e case 70 gobernos tribais participaron no debate”, afirmou o departamento.

O Servizo Xeolóxico de Estados Unidos xa preparou unha lista completa e un mapa en liña dos novos topónimos de todo o país.

Comentarios