Opinión

Violencia de xénero nos tempos do pin patriarcal

É indiscutible que no século XXI se teñen producido avances importantes na defensa dos dereitos das mulleres e na loita contra as desigualdades e violencias que sufrimos as mulleres por ser mulleres. De inicios deste século son as leis de igualdade, as leis contra as violencias de xénero, a creación dos Centros de Información ás Mulleres (CIM) e outros servizos especializados de atención ás mulleres. Dos últimos anos, son a lei de saúde sexual e reprodutiva e a interrupción voluntaria do embarazo, a lei de liberdade sexual -coñecida como a "lei do só si é si "- e, actualmente, están en trámite parlamentario a lei Trans -Lei para a Igualdade Real e Efectiva das Persoas Trans e para a Garantía dos Dereitos das Persoas LGTBI- e a lei contra o proxenitismo.

Todas estas leis, plans e recursos non veñen "caídos do ceo". O significativo avance normativo non debe facernos perder a perspectiva do intenso camiño percorrido en tan pouco tempo. A lexislación en materia de igualdade e de protección fronte as violencias machistas son conquistas, tan incompletas e imperfectas como valiosas, dun movemento feminista masivo, diverso e solidario, que conseguiu marcar a axenda política e lexislativa.

Un movemento feminista que non quedou en silencio diante da sentenza da "Manada", que converteu o 8 de marzo e o 25 de novembro en xornadas de mobilización e de reivindicación feminista multitudinarias, que apoiou o movemento #MeeToo e a mobilización do feminismo arxentino para aprobar a lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo. E que agora mesmo, contivo o avance trumpista nos Estados Unidos de América e mantén vivo e inquebrantable o apoio ás mulleres iranianas, que defenden a liberdade e os dereitos con valentía e grave perigo para a súa vida.

As mensaxes negacionistas da violencia de xénero están calando entre a mocidade e cada vez son máis os mozos que a negan

O reverso da moeda é que cada día crece o autoritarismo e os movementos de extrema dereita, explicitamente misóxinos e machistas. Movementos que teñen unha forza, cando menos, tan poderosa como a do movemento feminista que pretende "compensar" ou "contrarrestar" os avances en dereitos humanos das mulleres para manter o desequilibrio en favor dos seus privilexios e que todo se manteña igual.  Correntes que negan a violencia de xénero, que ditan sentenzas contra o dereito ao aborto ou como o movemento INCEL, de célibes involuntarios, que reclaman o dereito medieval de posesión e sometemento das mulleres.

Este avance da ideoloxía machista conta con importantes seguidores e amplificadores nos partidos políticos de dereitas, nas sedes xudiciais, nos medios de comunicación e nas redes sociais. E ten consecuencias evidentes e preocupantes na opinión pública e nas políticas públicas, que explican que se fale de "feminazis", de "ideoloxía de xénero" ou se esixa un "pin parental" para que no sistema educativo non se aborde a necesaria educación sexual e en valores de convivencia en igualdade e respecto das diferenzas.

Explica tamén que as mensaxes negacionistas da violencia de xénero estean calando entre a mocidade e que cada vez sexan máis os mozos que negan a violencia de xénero (un de cada cinco rapaces de entre 14 e 29 anos) e que a consideran un "invento ideolóxico". Mozos que, ao mesmo tempo, normalizan o control nas redes sociais, consomen pornografía misóxina e explicitamente violenta, que non identifican as agresións sexuais e que, ademais, gardan silencio ante a LGTBIQfobia. Tamén axuda a entender por que a violencia de xénero aparece a idades cada vez máis temperás e crece sobre todo no grupo de menores de 18 anos, que recuperan a visión de que se trata dun problema privado e non social, homologando as violencias machistas a calquera outro tipo de violencia e eliminando o seu carácter estrutural.

Estamos diante dunha auténtica ofensiva conservadora que alimenta a polarización social, que impulsa políticas públicas e educativas que "cancelan" a educación sexual, que ameaza os dereitos conquistados e cuestiona a promoción da igualdade, ao tempo que trata de impor os "bos costumes" e o "pin patriarcal". Unha ofensiva que nos interpela directamente como cidadanía, á que debemos contestar e combater coa forza do amor e sororidade feminista.

Comentarios