O ex ministro grego Varoufakis impulsa unha iniciativa para exixir a dimisión do "racista e colonial" Borrell

O dirixente comunitario comparase a semana pasada Europa cun “xardín” e o resto do mundo coa "xungla”.
Ianis Varoufakis e Josep Borrell. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ianis Varoufakis e Josep Borrell. (Foto: Europa Press)

DiEM25, plataforma política que encabeza o economista grego Yanis  Varoufakis , vén de impulsar unha petición para exixir a dimisión do xefe de Asuntos Exteriores da UE, Josep Borrell.

Esta iniciativa chega despois de que o dirixente comunitario comparase a semana pasada Europa cun “xardín” e o resto do mundo coa "xungla”, unhas declaracións que levantaron unha gran polémica a nivel internacional.

Na petición sinálase que estes comentarios revelan unha "terríbel mentalidade racista e colonial" que caracteriza os altos estamentos do liderado político europeo.

A plataforma denuncia que a analoxía feita por Borrell é inaceptábel porque “degrada a millóns de persoas en partes do mundo subdesenvoltas como consecuencia directa do legado colonial de Europa”.

Declaracións de Borrell

Cando fixo esta comparación, Borrell dixo que “os xardineiros” -en referencia aos políticos da UE-, debían coidar o xardín.

“A selva ten unha forte capacidade de crecemento e as barreiras nunca serán suficientemente altas para protexer os xardíns. Os xardineiros deben ir á xungla”, manifestou alto dirixente europea.

Comentarios