Un novo tiroteo nun supermercado dos EUA deixa varios mortos

Máis de 2.700 persoas morreron desde 2006 en ataques masivos no país do mundo con máis armas de fogo por habitante, 120 por cada 100 persoas.
Tiroteo en Chesapeake. (Foto: El Liberal)
photo_camera Tiroteo en Chesapeake. (Foto: El Liberal)

Varias persoas morreron e outras tantas resultaron feridas —cifras aínda non difundidas polas autoridades policiais— nun novo tiroteo nos Estados Unidos, desta volta nun supermercado da cadea Walmart situado na localidade de Chesapeake (Virxinia) na noite desta terza feira.

O asasino foi abatido a tiros pola Policía, segundo informa a canle NBC. Aliás, un portavoz policial, Leo Kosinski, asegurou que, se ben aínda se descoñece o número exacto de vítimas, cando menos dez persoas morreron neste ataque masivo con arma de fogo.

Aliás, outras cinco persoas, no mínimo, están ingresadas no Hospital Xeral de Norfolk e o seu estado de saúde non transcendeu polo de agora, apuntou Mike Kafka, portavoz de Sentara Healthcare, organización de atención médica sen ánimo de lucro.

Non tardaron en chegar as reaccións políticas a este suceso: "Estou asqueado polas noticias doutro tiroteo masivo, desta vez nun Walmart de Chesapeake", dixo o senador Mark Warner. Pola súa parte, a tamén senadora Louise Lucas asegurou estar "absolutamente desconsolada" con este asasinato múltiple decorrido no seu distrito electoral.

Este tiroteo masivo súmase ao que aconteceu a comezos deste mes no campus da Universidade de Virxinia, no mesmo Estado, nun ataque que rematou con tres xogadores de fútbol asasinados e outros dous estudantes hospitalizados. Aliás, o pasado domingo perderon a vida cinco persoas noutro masacre decorrido nun club LGBT en Colorado Springs (Colorado).

Segundo a base de datos de asasinatos masivos do xornal USA Today, desde 2006 producíronse no conxunto dos EUA 525 ataques deste estilo, deixando un total de 2.736 vítimas mortais. Porén, a cifra aumenta tendo en conta outras mortes por arma de fogo alén dos tiroteos masivos.

O Gun Violence Archive recollía o pasado outubro un total de 34.957 falecementos por disparo desde 2013 no país, dos cales 18.942 foron suicidios e os 16.015 restantes, asasinatos ou homicidios intencionados e imprudentes.

Os EUA continúan a cabeza a nivel mundial en número de armas por habitante: 120 por cada 100 persoas, con base nas estatísticas publicadas por Small Arms Survey.

Comentarios