Polo menos cinco persoas son asasinadas nun club LGBT en Colorado

Un home, agora hospitalizado e en custodia policial, tería asasinado cando menos cinco persoas no Club Q, en Colorado, nos Estados Unidos de América.
O Club Q, en Colorado Springs (Foto: Club Q).
photo_camera O Club Q, en Colorado Springs (Foto: Club Q).

Un tiroteo masivo produciuse este domingo nun club LGBT en Colorado Springs, a segunda cidade máis poboada de Colorado, nos Estados Unidos de América (EUA).

Polo menos cinco persoas faleceron e 18 resultaron feridas despois de que un home armado abrise fogo contra os clientes do estabelecemento, recollen os medios locais. As forzas de seguridade non comparecerán ante os medios até as 8 horas (ás 16 horas na Galiza).

O incidente, aínda baixo investigación, ocorreu ao redor da unha da madrugada da noite do sábado ao domingo en hora local (ás 9 horas da mañá deste domingo na Galiza), no Club Q, segundo a declaración policial recollida pola canle local KRDO.

Múltiples forzas de Policía xunto a servizos de emerxencia acudiron á escena do crime. Os axentes cortaron o tráfico na estrada da zona. As persoas feridas, entre elas o propio tirador, foron hospitalizadas. O sospeitoso actualmente atópase baixo custodia policial.

A Fiscalía local identificoulle como Anderson Lee Aldrich, de 22 anos de idade, quen entrou no club cun "fusil de asalto de longo alcance" co que abriu fogo indiscriminado "inmediatamente despois de entrar no local" até que polo menos dous clientes comezaron a reducirlle.

Club Q defínese a si mesmo como un club nocturno para gais e lesbianas orientado a adultos que ofrece noites temáticas como karaoke, espectáculos de drag e DJ. Por esta razón, a homofobia destácase como o móbil máis probábel do crime.

Algo que tamén se desprende do recente comunicacado do estabelecemento onde tiveron lugar os feitos. "Club Q está devastado polo ataque sen sentido á nosa comunidade. As nosas oracións e pensamentos están con todas as vítimas e as súas familias e amigos. Agradecemos as rápidas reaccións dos heroicos clientes que someteron ao tirador e terminaron con este ataque de odio", comunicou o local onde tivo lugar a masacre.

A Policía confirmou que está a investigar o tiroteo como un ataque especificamente dirixido contra a comunidade LGTB, confirmou a portavoz da Policía de Colorado Springs, a tenente Pamela Castro

Máis tarde o xefe da Policía de Colorado Springs, Adrián Vásquez, confirmou que dous heroes se enfrontaron ao atacante. "Debémoslles toda a nosa gratitude", subliñou. Vásquez revelou que Aldrich portaba dous armas de fogo, unha delas un "fusil longo", que foron achadas no lugar.

Comentarios