Forzas para-militares tomaron o control de infraestruturas de comunicación en Crimea, entre elas os aeroportos de Sebastopol e Simferopol. Kiev acha que son soldados rusos disfrazados de milicianos, ao non levaren nen insignias nen o uniforme oficial das tropas ás ordes de Moscova. As autoridades de Simferopol -a capital de Crimea- negan que a toma de control das terminais fose realizada por por continxentes estranxeiros e atribúena a milicias populares armadas que se cualifican a si proprias como escadras de auto-defensa.
Entrementres a Duma rusa comezou a tramitar unha lei para flexibilizar a incorporación de novos territorios ao país, un movimento que produciu unha seria alarma en Kiev, quen teme que Rusia estea a planificar a anexión de Crimea. Non é nada aventurado ligar este movimento ruso ao feito de onte o Parlamento de Simferopol ter convocado un referendo de autodeterminación para o 25 de Maio.
Ianukovich continúa a considerarse o presidente lexítimo e cualificou de fascistas as novas autoridades de Kiev
Nen a Duma rusa nen o Parlamento de Crimea recoñecen a lexitimidade do novo goberno ucraíno. Tampouco a recoñece o deposto presidente Ianukovich, quen esta sexta feira reapareceu para, en solo ruso, oferecer unha conferencia de imprensa. Nela afirmou que continúa a considerarse o presidente lexítimo do seu país e cualificou de fascistas as novas autoridades de Kiev. Responsabilizou directamente os EUA e a UE de teren provocado o caos ao contribuír para que a ultradireita ucraína sabotase o acordo de pacificación e normalización política alcanzado entre o Goberno e a oposición.
Ianukovich non tivo o menor reparo á hora de se submeter ao interrogatorio da imprensa, por espazo dunha hora. Deixou dúas mensaxes básicas. Primeira, que agarda un maior compromiso de Rusia na resolución da crise [non se inhibiu á hora de criticar a Putin polo seu silencio ante os últimos acontecimentos]. E segunda, que baixo o seu criterio Crimea debe continuar a facer parte de Ucraína, embora cunha maior capacidade de autogoberno.