O parlamento de Crimea convoca un referendo de autodeterminación para o 25 de Maio

Non hai tregua na situación de ruptura en Ucraína e todo apunta a que o conflito podería resultar na división do país en dúas metades, a pro-occidental e a pro-rusa.

parlamento crimea
photo_camera Un aspecto do Parlamento de Crimea

O 25 de Maio, as cidadás e os cidadáns de Crimea irán votar se achan que o seu país debe ou non ser considerado un Estado soberano, con capacidade, portanto, para eventualmente se independizar de Ucraína.

Así o acordou esta quinta feira o Parlamento de Crimea -controlado polas forzas pro-rusas, abrumadoramente maioritarias nesta república, a única autónoma dentro de Ucraína-, nunha reunión que se realizou depois de a súa sede ser tomada por milicias armadas moi próximas a Moscova [milicias non menos armadas que as que ocuparon días atrás o Parlamento en Kiev, aínda que aquí a imprensa occidental se resistiu a falar de guerrilleiros e empregou en todo momento o termo falaz de "manifestantes" ou, no máis ousado dos casos, "activistas"].

O Parlamento de Crimea cesou o goberno da república por consideralo mexericas á hora de enfrentar o conflito con Kiev

O Parlamento de Crimea fixo dúas cousas. Primeiro, cesou o goberno rexional após o submeter a unha moción de censura. Apúñalle má xestión e escasa determinación á hora de enfrentar o conflito con Kiev. A remoción do executivo foi aprobada por esmagadora maioría: dos 64 deputad@s, 53 votaron a prol da mudanza ao fronte da presidencia do goberno. Elixiron como novo chefe político o líder do Partido de Crimea pola Unidade de Rusia, Sergey Aksyonov. A seguir a Cámara deu luz verde a un referendo, o do 25 de Maio, que tenciona aumentar os poderes políticos de Crimea e, talvez, pór os alicerces da independencia. O voto pola consulta autodeterminista aínda foi máis maioritario: apoiárona 61 parlamentares.

O referendo vaise realizar o mesmo día en que as cidadás e os cidadáns ucraín@s están chamados a votar nas eleccións á presidencia da República. Crimea non recoñece a lexitimidade do novo Goberno de Kiev, por estimar que está en mans da dereita nazi e por xulgar que é un monicreque dos EUA e da UE.

Comentarios