Novas medidas contra a carestía da vida en Portugal: 'IVE cero', aumentos para funcionarias e apoios a familias vulnerábeis

O Goberno portugués anuncia medidas fiscais para atallar a crise de prezos.
O ministro de Finanças de Portugal, Fernando Medina. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera O ministro de Finanças de Portugal, Fernando Medina. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O ministro portugues Fernando Medina e as ministras Mariana Vieira da Silva e Ana Mendes Godinho compareceron esta sexta feira en rolda de prensa (nun formato de pregunta e resposta) para dar conta das accións que o Goberno de Portugal levará a cabo para paliar os efectos da crise de prezos. Trátase dun paquete de medidas no que o Executivo portugués pretende investir 2.500 millóns de euros.

'IVE cero'

En primeiro lugar, o Executivo portugués segue o camiño marcado polo Goberno español coa redución do IVE sobre produtos alimentarios esenciais. Esta é a única medida estabelecida, até o momento, polo Goberno de Pedro Sánchez para atallar os efectos da inflación nos fogares do Estado español.

Esta proposta xerou escepticismo en Portugal, pois no Estado español non toda a redución do IVE se reflectiu nunha baixada do prezo dos produtos implicados. En Portugal haberá 'IVE cero' para un conxunto de produtos que aínda se descoñece. O ministro de Finanças, Fernando Medina, unicamente especificou que “tem por base o cabaz de alimentação saudável”.

A eliminación do IVE en alimentos será transitoria e estará en vigor entre abril e outubro. O Goberno portugués calcula que deixará de ingresar 410 millóns de euros, “en beneficio de todas e todos os consumidores”.

O ministro de Façenda garantiu que “haverá fiscalização para o cumprimento do acordo”, desbotando así acusacións de que a medida portuguesa se transforme “numa Espanha 2.0”.

Función pública

O Goberno de Portugal investirá outros 445 millóns de euros en aumentar o subsidio de alimentación e nun aumento adicional nos salarios para as persoas funcionarias (250 millóns e 195 millóns respectivamente).

Os salarios dos máis de 742.000 traballadores e traballadoras da función pública portuguesa terán un aumento extraordinario de 1% en 2023.

Por outra parte, o subsidio de alimentación subirá 15,4%, até seis euros por día. Estas medidas aplicaranse a partir do mes de abril, o que significa que non terán efectos retroactivos.

Subvencións a familias vulnerábeis

A maior parte do orzamento do paquete de medidas repartirase en subvencións mensuais ás familias vulnerábeis. Estas axudas terán un valor de 580 millóns de euros, e distribuiranse do seguinte xeito, con pagamentos automáticos e trimestrais que abranguerán todo o ano 2023: 30 euros por fogar ao mes e recargo de 15 euros por crianza e mes.

Con esta medida o Goberno portugués agarda axudar tres millóns de persoas, nun millón de familias, e con 1,1, millóns de crianzas e adolescentes.

 

Comentarios