Nova petición do soberanismo para investigar a Casa Real no Congreso

ERC, JxCat, CUP, Bildu, BNG, PNV e Compromís piden por segunda vez que se cree unha comisión de investigación, tras rexeitar PSOE, PP e Vox a primeira.

nestor
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, co texto da petición, esta quinta feira en Madrid (Nós Diario)

Tal e como se prevía, ERC, JxCat, CUP, Bildu, BNG, PNV e Compromís presentaron esta quinta feira, 19 de marzo, unha petición para crear unha comisión de investigación sobre o rei emérito. Trátase da segunda que reclaman os republicanos e os integrantes do Grupo Plural (JxCat, Más País, Compromís e BNG), á que esta vez tamén se sumaron os nacionalistas vascos e os anticapitalistas cataláns, despois de que a Mesa do Congreso rexeitase a primeira petición cos votos de PSOE, PP e Vox.

Nesta nova petición de comisión de investigación non está o grupo parlamentario de Unidas Podemos, que se unira á que protagonizaran ERC e o Grupo Plural hai un par de semanas, iso si, un un día despois, logo de que o portavoz da formación, Pablo Echenique, dese o seu apoio público á iniciativa.

A nova proposta para que a Cámara Baixa investigue a "trama vinculada ás supostas ilegalidades cometidas por membros da Casa Real e as influencias políticas, diplomáticas e comerciais con Arabia Saudí" chega, segundo consta na mesma petición rexistrada, a raíz das noticias publicadas que detallan que a Fiscalía suíza investiga a suposta doazón de 100 millóns de dólares que Juan Carlos I tería recibido do rei de Arabia Saudí, e a suposta transferencia a Corinna Larsen.

Implicación de Felipe VI

No texto de solicitude indícase que os escándalos encadeados que se foron revelando na prensa nos últimos anos, como a cazaría de elefantes en Botsuana ou o caso Corinna, chegaron esta semana ao seu punto álxido. O feito de que Felipe VI comunicase a renuncia á herdanza de seu pai e a retirada da asignación anual ao rei emérito, sinálase, non agocha os feitos que se coñeceron con posteridade.

"Sóubose que o mesmo monarca era coñecedor da presenza do seu nome como beneficiario nestes fondos desde hai, polo menos, un ano", e aínda que non pode haber unha renuncia efectiva antes da morte do rei emérito, é evidente que "esta comunicación é unha confesión en toda regra, o que escurece aínda máis unha institución xa posta en dúbida", remarca o texto.

Comentarios