Reaccións dos partidos

O discurso do rei: do "liderado" que viu nel a dereita ao "lavado de cara"

A sonora contestación que desde as ventás e balcóns acompañou na noite de onte o discurso do rei Filipe VI viuse respaldada polas valoracións dalgunha das forzas políticas galegas e do Estado. Outras, nomeadamente o PP, Vox e Ciudadanos, aplaudiron a comparecencia, onde o rei chamou á unidade perante a crise provocada polo coronavirus e eludir mencionar o escándalo financeiro do seu pai.
2020031911383051687
photo_camera O discurso do rei Filipe VI púidose seguir pola televisión. (Europa Press)

Após a cazolada, que recibiu apoios desde sectores diversos, organizacións como o BNG valoraron a intervención como  unha "sucesión de tópicos sen contido de ningún tipo" que procurou un "lavado de cara" nun momento no que a monarquía pasa por "horas baixas". Así o manifestou o deputado nacionalista no Congreso Néstor Rego, para quen o discurso, o primeiro do monarca desde que se decretou o confinamento, cumpriu unha "función propagandística".

"Non vai funcionar, a maioría social das persoas cren que a monarquía é anacrónica, incompatíbel cun sistema democrático e o resultado dunha decisión de Franco, que ademais resulta corrupta", advertiu o portavoz do BNG no Congreso, quen sinalou que son "máis as persoas críticas con esta institución" e "favorábeis a un cambio cara a un modelo republicano que garanta maior democracia".

Xunto coas forzas soberanistas, que xa na pasada cuarta feira chamaran á protesta contra o discurso, outras representantes criticaron, ao remate, o papel do rei. Así o fixo a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, que secundou a cazolada contra a monarquía e quen afeou Filipe VI que "no medio da crise sanitaria quixera pasar por encima dunha noticia tan grave" como as presuntas comisións do rei emérito. "É un escándalo que se suma a outros escándalos", criticou, para insistir en que a poboación española merece "máis explicacións e transparencia".

Tamén Podemos, EU e as súas confluencias  --nas que se inclúe Galicia en Común-- apoiaron as cazoladas e criticaron que o rei non fixese referencia no seu discurso ás presuntas irregularidades cometidas polo seu pai. "En tempos de crises e combate tómase conciencia do valor do común, do público, da res publica", afirmou Podemos nunha mensaxe que difundiu en Twitter, mentres o seu  secretario xeral na Galiza, Antón Gómez Reino, pedía desde as súas redes sociais "todos os recursos para a Sanidade Pública".

O líder de Más País, Íñigo Errejón, tamén criticou a mensaxe do rei nas súas redes, por considerar que "non estivo á altura do momento". "O rei acaba e as cacerolas seguen", advertiu, sobre a protesta cívica que se escoitaba a esa hora nas rúas. 

Moi distintas son as reaccións da bancada conservadora. O presidente do PP en España, Pablo Casado, destacou que o rei "lidera unha nación golpeada polo coronavirus para apoiar os afectados e homenaxear os profesionais sanitarios". "A historia ponnos fronte aos nosos valores de responsabilidade e solidariedade. Superaremos esta crise e España recuperará o seu pulso, vitalidade e forza", manifestou.

Respaldo recibiu tamén do líder de Vox, Santiago Abascal, que se declarou "moi de acordo" co discurso. "España é unha gran nación, un gran pobo, e os seus inimigos, sexan microscópicos ou non, nunca poderán con ela". 

Nunha liña similar, a líder de Ciudadanos, Inés Arrimadas, manifestou que "comparte as palabras do xefe do Estado". "O pobo español está a responder unha vez máis cunha enorme enteireza, solidariedade e xenerosidade perante a adversidade. Demostraremos de novo que somos un gran país. Unidos, resistiremos e venceremos", dixo.

Comentarios