venres 29.05.2020

O Congreso rexeita investigar Juan Carlos I polas súas contas en Suíza

A Mesa rexeita crear unha comisión sobre a conta do rei emérito en Suíza.

Juan Carlos I de Borbón en Sanxenxo a finais de 2019
Juan Carlos I de Borbón en Sanxenxo a finais de 2019

A Mesa do Congreso rexeitou na reunión desta mañá impulsar unha comisión de investigación nunha conta bancaria que o rei emérito Juan Carlos I tiña nunha entidade financeira suiza. A dirección da cámara baixa tomou esta decisión alegando seguir a recomendación dos letrados e letradas.

BNG, ERC, Bildu, Compromís, Más País e JxCat solicitaron a semana pasada a creación desta comisión de investigación tras a publicación de información que sinalaba que Juan Carlos I podería ter cen millóns de dólares nesa conta por algunhas supostas comisións de Arabia Saudita e que tería transferido 65 millóns á súa amiga Corina.

Unidas Podemos, despois de coñecer a iniciativa destes grupos, decidiu unirse á solicitude de investigación. Mais a Mesa do Congreso, onde, ademais das tres representantes de Unidos Podemos, hai outras tres do PSOE, dúas do PP e un de Vox, rexeitou a creación desa comisión.

O artigo 56 da Constitución establece que "a persoa do rei é inviolábel e non está suxeita a responsabilidade". Segundo este precepto, socialistas, populares e Vox consideran que o rei emérito español non pode ser investigado. Porén, os grupos que solicitaron a comisión si cren posíbel a comisión xa que Juan Carlos I xa non exerce como xefe de Estado.

comentarios