Morre aos 93 anos a histórica líder das Nais de Praza de Maio, Hebe de Bonafini

Bonafini fundou a asociación Nais de Praza de Maio para visibilizar a desaparición de persoas durante a última ditadura arxentina.
Hebe de Bonafini durante a lectura dun discurso en agosto de 1989 (Foto: Paulo Slachevsky)
photo_camera Hebe de Bonafini durante a lectura dun discurso en agosto de 1989 (Foto: Paulo Slachevsky)

A presidenta da asociación Nais de Praza de Maio, Hebe de Bonafini, faleceu este domingo aos 93 anos de idade, segundo informaron medios arxentinos citando fontes próximas á histórica activista prol Dereitos Humanos.

A confirmación da noticia deuna a vicepresidenta arxentina, Cristina Fernández. "Queridísima Hebe, Nai de Praza de Maio, símbolo mundial da loita polos Dereitos Humanos, orgullo da Arxentina. Deus chamouche o día da Soberanía Nacional... non debe ser casualidade. Simplemente grazas e até sempre", publicou Fernández en Twitter.

Bonafini é nai de dous fillos desaparecidos durante a ditadura e durante décadas exerceu como activista e defensora dos Dereitos Humanos dentro de Nais de Praza de Maio. Fora dada de alta o pasado 13 de outubro despois de estar ingresada tres días no Hospital Italiano da cidade da Prata para realizarse controis médicos, informa a axencia de noticias arxentina Télam.

O 30 de abril de 1977, dezaseis mulleres marcharon, tomadas do brazo, ao redor da Pirámide de Maio en protesta fronte á incerteza do paradoiro dos seus fillos desaparecidos. As súas camiñadas semanais convertéronse nun símbolo da loita polos Dereitos Humanos e contra a ditadura militar.

Unha delas era Hebe de Bonafini, quen fundou a asociación Nais de Praza de Maio para visibilizar a desaparición de persoas durante a última ditadura arxentina, aínda que ela mesma defendía a súa evolución até constituírse nunha organización cun claro perfil político. "Somos unha organización política, agora cun proxecto nacional e popular de liberación", destacaba a propia Bonafini.

O Goberno arxentino decretou tres días de loito nacional pola morte de Hebe de Bonafini. "O Goberno e o pobo arxentino recoñecemos nela un símbolo internacional da procura de memoria, verdade e xustiza polos 30.000 desaparecidos. Como fundadora de Nais de Praza de Maio puxo luz no medio da escura noite da ditadura militar e sementou o camiño para a recuperación da democracia corenta anos atrás", sinala o Executivo nun comunicado. 

Líderes latinoamericanos como o ex presidente de Bolivia, Evo Morales, tamén lle dedicaron o seu recoñecemento. "Moi triste e consternado pola partida da irmá Hebe de Bonafini, histórica, moi respectada e querida presidenta de Nais de Praza de Maio. A súa loita incansábel e incorruptíbel contra as ditaduras por memoria, verdade e xustiza é un exemplo para as novas xeracións", escribiu Morales nas súas redes sociais. "Grazas por tanto, Hebe heroica e querida! Por ti… imos vencer!", comentou pola súa parte o ex presidente de Ecuador, Rafael Correa.

Tan só unha semana antes de ser internada no hospital, a histórica líder das Nais de Praza de Maior participara da inauguración dunha mostra de fotos que se organizou na súa honra no Centro Cultural Kirchner, en Bos Aires, titulada Hebe de Bonafini, unha nai rev/belada, e que realizaba un percorrido pola vida da pioneira na loita contra o terrorismo de Estado e referente dos dereitos humanos.

comentarios