Sentenza histórica en Arxentina: cadea perpetua para catro ex militares polos 'voos da morte' durante a ditadura

É o primeiro veredicto que condena militares implicados neste cruento método de asasinato que consistía en drogar as súas vítimas e guindalas ao mar desde as alturas para non deixar probas do crime.
Un dos avións utilizados nos 'voos da morte'. (Foto: BBC)
photo_camera Un dos avións utilizados nos 'voos da morte'. (Foto: BBC)

A Xustiza arxentina dá un paso máis na reparación das vítimas da ditadura de Jorge Videla. O Tribunal Oral Federal número dous de San Martín vén de condenar a cadea perpetua catro ex militares involucrados nos coñecidos como 'voos da morte'.

Este cruento método de asasinato consistía en guindar persoas ao mar desde un avión co obxectivo de eliminar as probas do secuestro e matanza de persoas opositoras ao réxime ditatorial. O número de vítimas é incerto, mais foron centos as persoas asanidas desde as alturas entre 1976 e 1983.

Trátase do primeiro xuízo polos 'voos da morte' e tivo como resultado penas de prisión de por vida para catro membros do Exército de Videla que hoxe superan os 79 anos de idade. Son Eduardo Lance —79 anos—, Delsis Malacalza —85 anos—, Luis del Valle Arce —93— e Santiago Omar Riveros —98—.

Foron xulgados, en concreto, polo secuestro, torturas e homicidio de catro persoas que foron drogadas e guindadas ao mar, segundo informa o xornal Clarín. A sentenza chega após case dous anos de xuízo oral.

"Os feitos ilícitos materia de debate na presente causa constitúen delitos de lesa humanidade", concluíu o xuíz instrutor, Walter Benditti, que ordenou elaborar senllos informes para valorar o estado de saúde dos condenados e determinar se cumprirán cadansúa pena nun cárcere ou, pola contra, ficarán en arresto domiciliario.

As vítimas

Juan Carlos Rosace, Adrián Enrique Accrescimbeni, Rosa Eugenia Novillo Corvalán e Roberto Ramón Arancibia foron as vítimas —documentadas, confirmadas e xulgadas— dos catro ex militares condenados.

Estiveron recluídos no Campo de Maio, un dos principais centros de detención clandestinos durante a ditadura e desde onde saían eses 'voos da morte' que desembocaban no río da Prata ou, directamente, no mar. Por alí pasaron perto de 5.000 persoas, segundo algunhas estimacións.

Catro décadas de espera

Esta causa iniciouse por petición da propia secretaría de Dereitos Humanos de Arxentina, así como por vítimas que se presentaron de forma particular, e chega logo de catro décadas de impunidade por estes crimes.

Após o Xuízo ás Xuntas de 1985, que condenou os principais dirixentes do réxime, o Goberno de Raúl Alfonsín paralizou os procesos xudiciais e, posteriormente, o presidente Carlos Menem indultou centos de militares. Porén, coa chegada ao poder de Néstor Kirchner a Xustiza declarou inconstitucionais eses indultos e os xuízos foron retomados, malia que non foi até o presente ano cando se xulgaron os cruentos 'voos da morte'.

Comentarios