Montenegro (PSD) recúa e asistirá a todos os debates en Portugal

O candidato intentou limitar a súa presenza
Luís Montenegro nun evento electoral o pasado mes de xaneiro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Luís Montenegro nun evento electoral o pasado mes de xaneiro. (Foto: Nós Diario)

Nuno Melo, presidente do Partido do Centro Democrático Social (CDS), que participa nas eleccións lexislativas adiantadas lusas onda o Partido Popular Monárquico (PPM) na Aliança Democrática (AD), a coalición encabezada polo conservador Partido Social Democrata (PSD), afirmou que o líder da formación e candidato a primeiro ministro da alianza, Luís Montenegro, “estará en todos os debates”, recolleu hoxe o Jornal de Notícias.

Montenegro tratou de que Melo acudise como representante da coalición aos debates coas progresistas Coligação Democrática Unitária (CDU) e Livre, no marco da serie de debates bilaterais entre todas as forzas con representación. Isto foi rexeitado tanto por ambas as dúas candidaturas como polas televisións, que criticaron que “non é aceptábel e xusto” intentar alterar o formato pactado.

Ademais, o Partido Socialista (PS) nos Azores trasladou que votará en contra do programa de Goberno do vencedor dos comicios rexionais, a AD, facendo imposíbel un Executivo en minoría dos conservadores, que precisarán da ultradereita.

Comentarios