As mobilizacións paralizan Sri Lanka

As persoas manifestantes exixen a dimisión do presidente en funcións.
Choques entre policías e manifestantes esta cuarta feira, cando trataban de entrar na oficina do primeiro ministro. (Foto:  Pradeep Dambarage / ZUMA Press Wir / DPA)
photo_camera Choques entre policías e manifestantes esta cuarta feira, cando trataban de entrar na oficina do primeiro ministro. (Foto: Pradeep Dambarage / ZUMA Press Wir / DPA)

As tensións acumuladas desde o pasado sábado, cando masivas manifestacións arrasaron coas casas do presidente, Gotabaya Rajapaksa, e do primeiro ministro do país, Ranil Wickremesinghe, acabaron por estoupar onde, precisamente o día no que o mandatario anunciara que faría efectiva a súa dimisión.

Aínda era de madrugada en Colombo cando saltou a noticia: Rajapaksa fuxira nun avión militar con dirección a Malé, a capital das Maldivas, e esta cuarta feira aterrou ás 3 da mañá (hora local). Non obstante, o seu primeiro destino eran os Estados Unidos, que lle negaron o visado.

Antes de que saíra o sol, o primeiro ministro (que tamén prometera o sábado que abandonaría o cargo), declarou o estado de emerxencia en todo o país insular, ordenou deter os líderes das protestas e impuxo un toque de recoller parcial no oeste que logo estendeu a toda a illa. Pouco despois, anunciou que o presidente o nomeara mandatario en funcións desde as Maldivas.

"Non vimos unha carta oficial de renuncia", explicou Step Vaessen, de Al Jazeera. Pouco despois, o presidente do Parlamento, Mahinda Yapa Abeywardene, confirmou a decisión de Rajapaksa, e salientou que lle transmitiu que antes do final do día oficializaría a súa saída do cargo.

Porén, tanto a declaración do estado de emerxencia como a asunción da Presidencia por Wickremesinghe reactivou milleiros de persoas que desde o sábado agardaban na cidade máis grande do país a que se cumpriran as renuncias e comezara o proceso para superar a situación.

O xornal cingalés Divaina apunta no seu editorial que “o obxectivo común da loita popular nestes días é enviar a Rajapaksa a casa. O segundo obxectivo dos loitadores é enviar a Ranil a casa. O seu terceiro obxectivo é a súa participación no Goberno do Estado”.

Asaltan a oficina do presidente en funcións

Por iso, con posterioridade aos anuncios do primeiro ministro reconvertido en presidente en funcións, as mobilizacións dirixíronse principalmente cara á oficina do primeiro ministro —que se atopa en paradoiro descoñecido desde o sábado—, onde conseguiron entrar e facerse co control do edificio, provocando 24 persoas feridas  e un morto a represión das forzas de seguridade con bombas lacrimóxenas e canóns de auga. En paralelo, unha multitude rodeou o Parlamento, e un terceiro grupo asaltou a Corporación Rupavahini, a rede de televisión estatal, obrigando a suspender a súa emisión. Outra televisión pública, ITN, tamén foi atacada, pero recuperou horas despois a súa programación.

Malia que o presidente en funcións adiantou que dimitirá cando haxa un gabinete de unidade, o límite posto polos manifestantes era onte. Para aplacar as protestas, Wickremesinghe fixo público que deu instrucións á Policía e aos militares para “que fagan todo o necesario para restabelecer a orde”, acusando os manifestantes de “querer impedirme cumprir as miñas responsabilidades”, e acusándoos de “ameaza fascista á democracia”.

Intervención militar

Tanto partidos políticos como forzas sindicais e manifestantes criticaron que o presidente en funcións permaneza no cargo e tome decisións para as que non ten soporte legal, amais, reclamaron explicacións ao Bharatiya Janata Party, que lidera o Goberno indio, tras as declaracións dun dos seus dirixentes, Subramanian Swamy, nas que defendía unha intervención militar para repór a Rajapaksa no cargo até o final do mandato.

A elite cingalesa trata de fuxir do país por todos os medios

Medios locais trasladaron que empresarios, integrantes do Executivo e membros do oficialismo tratan de fuxir do país. Hai 48 horas, funcionarios de inmigración impediron saír ao ex ministro Basil Rajapaksa, irmán menor do mandatario até o de agora, que trataba de fuxir de Dubai, e tamén irmán de Mahinda Rajapaksa, primeiro ministro do país até maio e presidente de Sri Lanka entre 2005 e 2015. Segundo as últimas informacións, Mahinda aínda se atoparía en territorio cingalés.

Comentarios