Cinco ministerios pagan gastos do rei non incluídos no orzamento oficial

O Executivo español recoñece que até cinco ministerios pagan gastos de Felipe VI non incluídos nos 8,4 millóns de euros anuais destinados á Casa Real.
Felipe VI a finais de novembro. (David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Felipe VI a finais de novembro. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

Até cinco ministerios do Executivo español, os de Interior, Exteriores, Defensa, Presidencia e Facenda, pagan gastos do rei Felipe VI a maiores do orzamento oficial da Casa Real, que en 2022 será de 8,4 millóns de euros para o seu sustento persoal, recoñeceu onte o Goberno liderado por Pedro Sánchez.

Estes datos chegan como resposta á pregunta parlamentar do voceiro do Partido Nacionalista Vasco no Congreso, que reclamou a información despois dos eloxios de Sánchez ao rei polo suposto “exercicio de transparencia” que practica a Casa Real.

Aínda que na súa solicitude pedía explicitamente detalles sobre a execución das partidas orzamentarias destes ministerios, o gabinete non lle brindou estes datos, limitándose a recoñecer as entidades que efectúan pagamentos vinculados con Felipe VI.

O Ministerio de Presidencia asume até 7,2 millóns de euros para cubrir os gastos do persoal civil que traballa na Casa Real e as indemnizacións correspondentes á relación laboral.

Ademais, dota a Patrimonio Nacional, que depende do Ministerio, de 112,7 millóns de euros para manter de maneira íntegra os palacios de propiedade pública entre os que se sitúa a Zarzuela, residencia oficial de Felipe VI, e outros que pode usar indiscriminadamente.

A seguridade do monarca tampouco a sufraga o seu orzamento, senón o Ministerio de Interior, que se encarga de asumir os custes do servizo de seguridade que integran membros das Forzas de Seguridade estatais. Os outros corpos vencellados, como a Garda Real, corren a cargo do Ministerio de Defensa.

No que atinxe ás viaxes fóra do Estado, é o Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación quen asume os gastos das viaxes oficiais da Casa Real, incluído dietas, e gastos "protocolarios".

O último Ministerio en liza, o de Facenda, encárgase da mobilidade oficial do rei e do resto da Casa Real, custeando as retribucións do persoal que desempeña estas funcións.

Xuízo ao emérito

A pasada terza feira rematou a vista preliminar en Londres (Reino Unido) sobre a inmunidade do rei emérito español na demanda da súa ex amante, Corinna Larsen, contra el por acoso, difamación e vixilancia ilegal. O xuíz ten que decidir se após abdicar, Juan Carlos I mantén a inmunidade.

O antigo xefe de Estado leva máis dun ano fuxido aos Emiratos Árabes Unidos, mentres a Fiscalía española decide se o procesa xudicialmente.

Comentarios