martes 11/05/21

Milleiros de saharauís reciben como heroes ao seu exército

Soldados visitas ás súas familias após 44 días na fronte de batalla. 
Imaxe da multitude recibindo ás e aos soldados (Salem Mohamed /ECS)
Imaxe da multitude recibindo ás e aos soldados (Foto: Salem Mohamed /ECS)

As familias dos campamentos saharauís do Aiún, Smara, Auserd e Bojador, así como Dajla, recibiron esta pasada fin de semana ás e aos soldados que iniciaron o ataque o pasado 13 de Novembro. Euforia e xestos de gratitude mais tamén decepción e rexeitamento ao estancamento actual no Proceso de Paz no Sahara Occidental, segundo informa a axencia de noticias ECS Saharauí

O convoi chegou tras 44 días na fronte de batalla e as e os combatentes foron recibidos como heroes mentres se coreaban distintos lemas tradicionais pola liberdade e independencia.

A multitude, con bandeiras da RASD e entre consignas, denunciou ademais o incumprimento por parte da Organización das Nacións Unidas (ONU) do que consideran as súas obrigas relacionadas coa celebración dun referendo de autodeterminación no territorio.

O exército saharaui confirma ataque en Smara 

O Exército de Liberación Saharauí confirmou que levou varios ataques contra posicións marroquís na zona de Smara, en polo menos dúas ofensivas, segundo un comunicado emitido polo Ministerio de Defensa Nacional da RASD e ao que tivo acceso a mesma axencia. Nel concretábase que unidades militares do Exército de Liberación Saharauí levaron a cabo unha serie de bombardeos contra Smara en polo menos dúas ocasións. 

Os ataques dirixíronse contra as zonas sur de Russ Udey Assef e agudizáronse especialmente na de Janguet Al Sakuma, ambas as dúas pertencentes á rexión de Lghawsha, en Smara.

Ademais varios residentes da cidade de Smara afirmaron escoitar sons de explosións e sirenas de ambulancias, que presumibelmente, dirixíanse cara á zona cero. Este extremo foi confirmado por varios activistas que residían nos barrios de Medina,  As- Salam e Al- Awda. 

As hostilidades na zona continúan após a penetración o pasado 13 de novembro do exército marroquí na faixa desmilitarizada do extremo sur do Sáhara Occidental coa intención de romper o bloqueo ao tráfico imposto por un grupo de manifestantes saharauís no paso de Guerguerat. Daquela, a operación fora, para a Fronte Polisaria, un ataque sobre poboación civil que se manifestaba libremente a prol da autodeterminación

comentarios