Milleiros de crianzas vítimas da ocupación israelí

Malia violaren o dereito internacional e o propio ordenamento xurídico interno, as forzas armadas israelís deteñen e torturan unha media de dúas crianzas ao día nos territorios palestinos ocupados, moitas delas contan con tan só doce anos de idade.

Setecentas crianzas foron detidas polo exército israelí no que vai de ano. @s meñi@s son ademais vítimas de torturas físicas e psicolóxicas por parte das forzas armadas sionistas, como recolle o informe publicado pola organización internacional para a Defensa dos Nenos (DCI, na súas siglas en inglés) e elaborado a partir de 311 testemuñas reais. Segundo este estudo, o procedemento desenvolvido polas forzas de ocupación segue, polo xeral, o mesmo modus operandi; irrompen na casa d@s menores de madrugada --entre as 00.00 e as 05.00 a.m-- e sométen@s a diversas fórmulas de maltrato físico e psicolóxico. Abdullah, de quince anos, relata no informe da DCI que os soldados o mativeron 19 horas coas mans atadas ás costas mediante bridas de plástico "moi axustadas que me facían moito dano", aseguraba o rapaz. 

Aliás, desde as organizacións non gobernamentais palestinas denuncian a práctica desenvolvida por Israel con que milleiros de persoas son detidas sen cargos a través da figura das "detencións administrativas". Sen a posibilidade de seren postos a disposición xudicial e sen ningunha garantía procesal, @s detid@s viven acinad@s nas cadeas israelís. Asemade, xa foron denunciados diversos casos de mulleres grávidas que se viron na obriga de ter as súas crianzas na propia prisión.

As prácticas militares, incorren na vulneración do propio ordenamento xurídico israelí –que ao abeiro dos acontecementos semella máis un lavado de cara-- no que se recollen disposicións específicas para o tratamento de crianzas detidas. A normativa estabelece un espazo temporal en que poderían ser arrestadas, deben ter acceso a un/ha avogad@ nas primeiras 48 horas e non poderán ser detid@s @s menores de 14 anos.

Yusuf ao-Omuri, activista a prol dos dereitos humanos palestino: "as detencións véñense producindo desde o inicio da ocupación"

Yusuf ao-Omuri, activista a prol dos dereitos humanos palestino, asegurou que as detencións de crianzas "non son nada novo" e afirma que se veñen producindo desde o inicio da ocupación de Cirxordania e a Franxa de Gaza. Así mesmo, Abdul Naser Farwaneh, director do Departamento de Estatsticas do Ministerio de Prisioneiros e Liberados informou que o exército israelí detivo desde 1967 a máis de 266 mil crianzas en territorio palestino ocupado, unha media de dúas ao día, moitas delas con tan só doce anos de idade.

Comentarios