Militares españois reciben "beizóns" dun cura no Val dos Caídos

Fragmento do vídeo coas "beizóns" aos militares españois. (Foto: Nós Diario)
Defensa alega que se trata dunha actividade "non autorizada".

Unha unidade militar do Exército de Terra español recibiu "beizóns" por parte dun sacerdote no Val dos Caídos. Nun vídeo, difundido en Telegram, pode verse o grupo de militares, axeonllados fronte ao cura, coa cruz de Cuelgamuros  sobre eles.

O Ministerio de Defensa xa confirmou a autenticidade das imaxes, e asegura que se trata dunha "unidade militar que durante unha marcha programada realizou unha actividade non autorizada".

Nas imaxes escoitase ao cura dicir o seguinte: "que o señor bendiga igual que sempre a quen serve á patria baixo este bandeirín. Que o señor coide coa súa providencia aos membros desta unidade e a todos os compoñentes do batallón Wad Ras e das nosas Forzas Armadas".

"Que o señor mire benignamente o Estado español e lle conceda a paz con todos os pobos do mundo", conclúe o sacerdote.

Indignación nas redes

Pola súa parte, o colectivo Ciudadanos de Uniforme, que difundiu o vídeo no seu Telegram, denunciou a actitude do capitán da unidade, porque "ninguén lles di aos capitáns que as compañías non son súas, senón das Forzas Armadas, que representan a todos os españois, non a ningunha relixión ou ideoloxía".

Segundo este colectivo, foi o capitán da compañía MAPO do BIP Wad Ras II/31 quen se encargou de organizar o encontro no Val dos Caídos, denegando nalgúns casos os permisos a varios militares para que acudise o maior número posíbel.

Unha vez se fixo público este feito, producíronse as primeiras reaccións políticas. O deputado de EH Bildu Jon Iñarritu anunciou que preguntará á ministra de Defensa, Margarita Robles polo ocorrido.