A Mesa do Parlament de Catalunya retira a condición de presidenta e deputada a Laura Borràs

A xa ex presidenta do Parlament insiste en que é inocente dos delitos polos que está acusada.
A ex presidenta do Parlament, Laura Borràs, xunto co resto de integrantes da Mesa da Cámara. (Foto: Europa Press)
photo_camera A ex presidenta do Parlament, Laura Borràs, xunto co resto de integrantes da Mesa da Cámara. (Foto: Europa Press)

A Mesa do Parlament de Catalunya, a través dunha moción apoiada por ERC, CUP e PSC, decidiu retirar a condición de deputada, e por tanto de presidenta da Cámara, a Laura Borràs.

A pasada terza feira, o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya citou a dirixente de Junts por presuntos delitos de prevaricación e falsidade documental no fraccionamento de varios contratos.

Con esta decisión, a Mesa do Parlament dá cumprimento a súa normativa, que estabelece que, nos casos de apertura de xuízos orais por delitos relacionados coa corrupción, o deputado ou deputada implicada deberá ser cesada das súas funcións.

Agora, será a representante de ERC e ex conselleira de Saúde en Catalunya Alba Vergès quen ocupe de maneira interina o cargo de presidenta do Parlament, mentres a súa formación e Junts negocian un novo deputado dos segundos para asumir o cargo, tal e como estabelece o acordo de Goberno firmado por ambos partidos.

Comparecencia de Borràs

Despois de coñecerse o veredicto da Mesa (5 votos a favor de ERC, CUP e PSC por un en contra de Junts), Borràs compareceu ante os medios de comunicación para valorar a decisión.

A xa ex presidenta do Parlament non dubidou en cargar contra os deputados que votaron pola súa suspensión, ademais de cualificalos como "xuíces hipócritas".

Borràs estivo acompañada pola súa filla, ademais de polo ex presidente de Catalunya Quim Torra e o deputado de Junts Francesc de Dalmases, entre outros.

No exterior do Parlament e mentres se producía a votación, unhas 400 persoas manifestábanse en contra da suspensión da deputada catalá, que insiste na inocencia dos seus actos durante o seu paso pola Institució de les Lletres Catalanes.

Comentarios