A esquerda nacionalista do Mebyon Kernow mantén os seus 4 escanos nas eleccións en Cornualles

Os conservadores convértense na primeira forza do Concello córnico, desbancando os liberais-demócratas, que gobernaban en coligazón dos independentes.

cornualles

As eleccións ao Consello de Cornualles (Kernow), país que fai parte do Reino Unido e que Londres recoñeceu en 2014 como ‘minoría nacional’, deixan un importante cambio de escenario a respecto dos comicios de hai catro anos: os liberal-demócratas perden a súa condición de primeira forza na asemblea e os conservadores pasan de terceira a primeira forza, atinxindo 46 representantes, 15 máis que en 2013.

O Mebyon Kernow (Fillos de Cornualles) mantén os seus catro representantes no Consello. Esta formación nacionalista e de centro-esquerda defende o autogoberno para o seu país no camiño de se ir dotando de maior soberanía. Con 3.500 quilómetros cadrados e 500.000 habitantes, este país celta ten actualmente un estatus moi limitado e restrinxido en canto a autogoberno se refire. “Non é que Cornualles pasase formar parte de Inglaterra. É que os ingleses van esquecer que non formabamos parte do seu país”, lamentan os nacionalistas córnicos. Unha campaña impulsada hai dous anos para recoller sinaturas solicitando o autogoberno logrou máis de 50.000 apoios. Apenas 400 persoas falan con fluidez o idioma propio do país, córnico, se ben se calcula que por volta de 5.000 poden manter unha conversa 'básica'. 

Os Laboristas obtiveron 5 escanos, tres menos que hai catro anos. O Consello está composto por 123 representantes, estando a maioría absoluta en 62. Os 42 postos acadados polos conservadores non abondan para acadala, o que si logran liberais demócratas e independentes (67).

Comentarios