Marrocos acusa a Polisario de "provocar" e asegura que está a actuar con "mesura"

Preocupación da ONU e da Unión Africana ante o aumento da tensión polos movementos en torno ao paso de Guerguerat.
sahara_guerguerat
photo_camera A Fronte Polisario acusa as Nacións Unidas de inacción na resolución do conflito no Sáhara Occidental (Foto: Nós Diario)

O Goberno de Marrocos acusou a fronte Polisario de pór en perigo o cesamento do fogo no Sáhara Occidental polos seus últimos movementos en torno ao paso de Guerguerat, na fronteira con Mauritania, e asegurou que actúa en claro "desafío" ao secretario xeral da ONU, António Guterres.

O paso de Guerguerat, que a Polisario considera "ilegal", converteuse nas últimas semanas en escenario de tensións. Activistas saharauís acamparon na zona para reclamar a saída das tropas marroquís, mais as autoridades da República Árabe Saharauí Democrática (RASD) denunciaron un reforzo militar.

En concreto, a Polisario denunciou a presenza de vehículos militares e de soldados camuflados con roupas civís para se infiltrar na zona. Neste sentido, o Goberno da RASD emitiu un comunicado na segunda feira advertindo de que calquera incursión marroquí consideraríase unha "agresión flagrante á que a parte saharauí responderá con firmeza, en lexítima defensa da súa soberanía nacional", o que suporía "abrir a porta ao estalido dunha nova guerra total na rexión". 

Rabat respondeu esta quinta feira a través dunha fonte diplomática citada pola axencia de noticias oficial marroquí MAP. Esta denunciou o "bloqueo" do paso por parte dos "separatistas", "provocacións" ás forzas marroquís e "intimidación" de tropas da Minurso, a misión de paz despregada por Nacións Unidas e cuxo mandato foi anovado en outubro.

O Goberno de Marrocos, polo tanto, pon a responsabilidade do mantemento do cesamento do fogo, asinado en 1991, en mans da Polisario, a quen advertiu  de "absterse de calquera acto susceptíbel de desestabilizar a situación ou de comprometer a reactivación do proceso político", actualmente estancado. Ademais, asegurou estar actuando con "mesura" e "sabedoría". 

Chamamento á calma

Ao respecto, a Unión Africana (UA), a través dun comunicado emitido polo presidente de Suráfrica, Cyril Ramaphosa, en calidade de presidente de quenda deste organismo rexional, reclamou ás partes unha "volta ás negociacións" e respectar os términos do acordo entre a UA e a ONU. Este inclúe tanto un cesamento do fogo como un referendo de autodeterminación para o pobo saharauí.

Tamén o secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres, mantivo na cuarta feira unha conversa co ministro mauritano de Exteriores, Ismael Ould Cheikh Ahmed, onde se expresou a preocupación de ambos os dous pola gravidade da situación e polo perigo de que esta desemboque en actos de violencia.

Comentarios