[VÍDEO] A man de Irulegi descuberta en Nafarroa sacode a historia do euskera

O obxecto conta cunha inscrición na que pode lerse a palabra "sorioneku".
A man de Irulegi. (Foto: Europa Press)
photo_camera A man de Irulegi. (Foto: Europa Press)

A asociación científica Aranzadi anunciou esta segunda feira o achado da man de Irulegi, unha peza de bronce elaborada hai 2.200 anos e na que se descubriu unha inscrición en euskera, o que supón o texto escrito máis antigo nesta lingua.

A inscrición, situada na palma da man de Irulegi, consta de catro liñas. A primeira palabra transcribiuse como "sorioneku", traducido ao euskera moderno como "zorioneko", que significa "de boa fortuna".

A peza foi atopada na localidade de Aranguren, en Nafarroa, durante o desenvolvemento duns traballos arqueolóxicos na montaña de Irulegi -que dá nome ao obxecto. Semella unha man dereita feita a escala, cunha pátina composta de 53% de estaño, 41% de cobre e 2% de chumbo, algo habitual nas aliaxes antigas.

No seu extremo presenta un burato que, tras ser estudado, apunta a que a peza non se atopaba colgada, senón cravada nun soporte suave, probabelmente de madeira. Mide 143 milímetros de altura, un milímetro de grosor e 128 de ancho, e pesa 36 gramos.

Importancia do achado

O achado da man de Irulegi vén a confirmar o emprego do euskera naqueles territorios a principios do século I antes de Cristo. Ademais, tamén demostraría que nesa zona existía un sistema gráfico específico, que era unha variante da escritura ibérica, pero que tiña algunhas características propias: a escritura en euskera.

Aínda que non se atopou moito máis material, a man de Irulegi demostra polo menos que os antigos habitantes escribían, que eran alfabetizados e que non empezaron a escribir en alfabeto latino a través dos romanos, algo que apuntaban as investigacións elaboradas até o de agora.

Os científicos tamén destacaron outras cuestións. A maneira na que a man está pensada -cravada e cos dedos boca abaixo– tería unha conexión co mundo cultural ibérico do val do Ebro. Aliás, a técnica utilizada para a escritura da inscrición é única, porque as letras foron elaboradas primeiro con liñas para despois perforarse con puntos por enriba.

Segundo apuntan os investigadores, toda a información achegada pola man de Irulegi abre o camiño a repensar as ideas sobre a cultura dos antigos habitantes do territorio de Euskal Herria, así como a súa relación cos pobos ibéricos coetáneos.

Comentarios