Elisa Loncón: "A plurinacionalidade existiu porque somos nacións preexistentes"

A líder do BNG, Ana Pontón, vén de participar nunha conferencia coa que fora presidenta da Convención constitucional de Chile, Elisa Loncón, que acaba de recibir o premio René Cassin de dereitos humanos concedido polo Goberno vasco.
A portavoz do BNG, Ana Pontón, fai balance do ano no Parlamento (Foto: Nós Diario)
photo_camera A portavoz do BNG, Ana Pontón, fai balance do ano no Parlamento (Foto: Nós Diario)

A líder dos nacionalistas galegos, Ana Pontón, puxo en valor este sábado a "esperanza" que se está xerando en Chile despois da vitoria do esquerdista Gabriel Boric e apelou ao cambio político na Galiza da man do BNG.

Pontón participou  nunha conferencia coa que fora presidenta da Convención constitucional de Chile, Elisa Loncón, política e activista polos pobos orixinarios de Chile que acaba de recibir o premio René Cassin de dereitos humanos concedido polo Goberno vasco. O acto estivo moderado pola coordinadora da área de Internacional do BNG, Ana Miranda.

En declaracións aos medios, a líder do Bloque, quen cualificou de "honra" poder contar coa presenza de Elisa Loncón na Galiza, destacou que, a pesar dos moitos quilómetros que separan Galiza de Chile, hai "moitos puntos" que as "unen".

"Únenos a defensa da plurinacionalidade, da pluriculturalidade e do plurilingüismo como elemento que ten que fortalecer a democracia e como clave para frear o malestar social que se está vivindo en diversas partes do mundo", sinalou. "Os procesos de centralización política e económica están provocando maior desigualdade e desequilibrios de todo tipo. Por iso, canta maior capacidade de decisión teña Galiza mellor nos irá ás galegas e aos galegos", engadiu. 

Pontón sinalou que tamén lles une "a defensa do medio natural". "Aquí na Galiza estamos a ver esa loita contra as celulosas, contra a eucaliptización, contra unha depredación do territorio na que os recursos naturais non se utilizan para poder mellorar a vida das persoas", censurou.

Todo iso nunha intervención na que tamén se referiu a elementos de unión como a "ilusión que xera neste momento o cambio político que se vive en Chile", detrás do que "a mobilización social foi chave".

"E tamén está a ser chave na Galiza á hora de denunciar o 'boom' eólico depredador, a privatización da sanidade ou os recortes de dereitos e liberdades que se levan producindo nos últimos tempos", sinalou para asegurar que "esa mesma esperanza que se está xerando en Chile é a esperanza" coa que o BNG "quere construír desde a Galiza un cambio".

Proceso de cambio en Chile

Pola súa banda, Elisa Loncón referiuse ao proceso de cambio democrático que se vive en Chile para pór en valor que o presidente Boric configurase un goberno formado por 14 mulleres e 10 homes.

"Isto xa augura o cambio que estamos a instalar da paridade e tamén das rexións nese gabinete", afirmou, para sinalar que, con todo, aínda "está pendente" o "sinal concreto" do novo goberno para instalar a "plurinacionalidade".

"A plurinacionalidade existiu porque somos nacións preexistentes e o único que falta son oportunidades para exercer e contribuír na democracia", apostilou antes de incidir en que "a democracia se constrúe con todas as diferenzas, con todos os pobos". "E non é suficiente unha democracia representativa, senón unha democracia directa, con participación cidadá e intercultural, que respecte, dialogue e recoñeza a todos os pobos", concluíu.

Comentarios