Madrid expulsou dous espías de Washington por captar axentes do CNI

Dous membros da Intelixencia española entregaron secretos por cartos.
Margarita Robles, ministra española de Defensa, a finais de novembro. (Foto: Edu Botella / Europa Press)
photo_camera Margarita Robles, ministra española de Defensa, a finais de novembro. (Foto: Edu Botella / Europa Press)

No mínimo dous espías dos Estados Unidos destinados na súa embaixada en Madrid “foron expulsados discretamente” do Estado español despois do verán, trasladaron hoxe medios locais, logo dunha investigación do Centro Nacional de Intelixencia (CNI) que descubriu que captaron dous axentes da entidade española para que lles proporcionasen información secreta a cambio de cartos.

A raíz disto, a ministra de Defensa española, Margarita Robles, reuniuse con Julissa Reynoso, a embaixadora estadounidense, para pedir explicacións. En paralelo, o titular de Exteriores, José Manuel Albares, tamén se puxo en contacto con ela para comunicar a queixa do Goberno estatal por este proceder.

O Estado español é membro da alianza militar liderada polos Estados Unidos, a Organización do Tratado do Atlántico Norte, polo que ambos os dous países están considerados aliados.

"Dámoslle todo o que nos piden"

Isto levou a que fontes da Intelixencia española cuestionaron en El País “para que teñen que pagar” se “lles damos todo o que nos piden”, explicando que a colaboración e o intercambio de información é permanente antes de facer fincapé en que as veces que Madrid se nega a compartir información que interesa a Washington “cóntanse entre unha e ningunha”.

A embaixada estadounidense en Madrid defendeu que non tiña coñecemento da situación, que atribuíu a un programa que deu inicio antes de que o presidente Joe Biden chegara á Casa Branca en 2021.

Até 12 anos de prisión

O arresto dos dous axentes do CNI fíxose público esta semana malia decorrer en setembro. Un dos detidos era xefe de área do organismo e o outro o seu axudante, acusados dun delito de revelación de secretos, e que de ser condenados poderían pasar entre seis e 12 anos en prisión.

Comentarios