Axentes do CNI investigados por filtrar información clasificada aos Estados Unidos

Están investigados por un posíbel delito de revelación de segredos e mesmo por traizón, por espionaxe a unha potencia estranxeira.

CNI

Un xulgado de Madrid abriu unha investigación contra axentes do Centro Nacional de Intelixencia (CNI) de España por un presunto delito de revelación de segredos. O xornal dixital El Confidencial explicou que terían filtrado información reservada a Estados Unidos.

Así o confirmou a ministra de Defensa española, Margarita Robles, mentres está en Letonia, onde visita ás tropas do exército español. Ademais, precisou que a denuncia foi presentada polo propio CNI. O caso foi declarado confidencial.

Os funcionarios están a ser investigados por filtrar segredos, aínda que os feitos tamén poderían constituír unha versión agravada deste delito, como a traizón por espiar unha potencia estranxeira, que pode levar penas de prisión de até seis e doce anos.

O ministro español de Presidencia e Xustiza, Félix Bolaños, avanzou que o Goberno español colaborará en todo momento na investigación.

En 2020, o Washington Post, a canle alemá ZTE e a radio e televisión suíza SRF xa publicaron un informe que aseguraba que a CIA e o Servizo Federal de Intelixencia Alemán (BND) levaban décadas espiando a países aliados, incluído o Estado español, a través dunha empresa de cifrado suíza que era da súa propiedade.

Comentarios