Macron ofrece diálogo aos sindicatos tras 201 detencións

Arresto na madrugada da terza á cuarta feira en Francia. (Foto: Gerard Cambon / Zuma Press / Contactophoto)
As masivas protestas pola reforma das pensións en Francia a terza feira levaron o Executivo a propor diálogo, horas despois de desbotar unha proposta sindical para unha mediación nese sentido.

Élisabeth Borne, primeira ministra do Executivo francés que preside Emmanuel Macron, enviou unha proposta ás forzas sindicais que enfrontan hai tres meses a reforma das pensións, que eleva de 62 a 64 anos a idade de xubilación, para dialogar no comezo da vindeira semana, comunicaron a cuarta feira medios internacionais, un día despois de que máis de dous millóns de persoas, informou a Confederación Xeral do Traballo, saíran á rúa na décima xornada de mobilización xeral para exixir a retirada do proxecto.

Unha vez finalizadas as manifestacións producíronse enfrontamentos entre participantes nas marchas e a Policía, que remataron con 201 persoas detidas e 175 policías feridos, sostivo o Ministerio do Interior, entre denuncias pola forte represión, da que alertaron entidades como a Organización das Nacións Unidas ou Amnistía Internacional.

Estas demandas estanse a multiplicar nas últimas xornadas, como a difusión dun arquivo de son no que membros da Policía humillan e ameazan un mozo procedente do Chad, amais de golpealo. Asemade, a Fiscalía francesa asegurou que abriu unha investigación pola represión das forzas de seguridade contra unha mobilización ecoloxista a fin de semana após a denuncia da familia dun manifestante que se atopa en coma.

Pola súa parte, a resposta gobernamental foi trasladar que estudan prohibir a entidade Levantamentos da Terra, que convocou a mobilización, acusándoa de “accións violentas” e chamar á “insurrección”.

Hai 48 horas, o Executivo rexeitou unha proposición dos sindicatos para instaurar unha mediación entre as partes que permitise avanzar no diálogo, e que foi aceptada por MoDem, unha das formacións que apoia o Goberno de Macron.

Incluso se a xuntanza entre Goberno e sindicatos se chega a producir, as posicións están moi afastadas, pois o mandatario reiterou que non retirará ou modificará a reforma das pensións, que acabou aprobando sen o voto do lexislativo. Ao tempo, a maioría da poboación francesa, inciden os traballos demoscópicos, e as forzas sindicais reclaman a retirada do texto. Aliás, xa foi convocada a quinta feira da vindeira semana a undécima xornada de mobilización xeral no país.

Consello Constitucional

Arredor das distintas apelacións á norma, o Consello Constitucional francés subliñou que o 14 de abril emitirá o seu ditame sobre a legalidade da reforma das pensións e o método empregado polo Executivo para a súa tramitación e posterior aprobación, que incluirá unha decisión sobre a proposta de referendo presentada polas formacións progresistas.