Macron rexeita unha mediación cos sindicatos entre protestas masivas

Menos dun terzo da poboación apoia o presidente francés, que mantén a negativa a retirar ou negociar a reforma das pensións, enfrontándose ás forzas sindicais e a boa parte das francesas e franceses.
Marcha onte en Occitània. (Foto: Jeff Pachoud / AFP / DPA)
photo_camera Marcha onte en Occitània. (Foto: Jeff Pachoud / AFP / DPA)

Centos de milleiros de persoas manifestáronse a terza feira en París e outras cidades francesas na décima xornada de mobilización xeral en contra da reforma das pensións aprobada polo presidente Emmanuel Macron por medio dun recurso constitucional, que forza a entrada en vigor da norma sen o voto do lexislativo.

Como nas anteriores xornadas, o impacto das manifestacións e das folgas que se desenvolven en paralelo foi masivo, afectando desde os transportes até a Torre Eiffel, que vetou a entrada de visitantes. Ao tempo, as greves no sector enerxético levaron a que 15% das gasolineiras francesas non teñan combustíbel.

As forzas sindicais que impulsaron a mobilización propuxeron ao Goberno de Macron unha “mediación” para desbloquear a situación, un día despois de que o Executivo ofrecera diálogo aos sindicatos mais sen tocar o referente á reforma das pensións, que eleva de 62 a 64 anos a idade de xubilación.

A proposta foi descartada polo voceiro do Gabinete, Olivier Véran, que apuntou que o presidente recibirá os sindicatos cando o Consello Constitucional emita o seu ditame sobre a legalidade da mudanza.

Sexa como for, Laurent Berger, líder da Confederación Francesa Democrática do Traballo, puxo o foco en que só aceptarán conversas co Goberno cando a reforma sexa retirada. O certo é que, segundo a última enquisa publicada, a da demoscópica Odoxa, menos dun terzo da poboación apoia a Macron nestes momentos.

Ao longo da xornada a represión policial derivou en violentos enfrontamentos entre participantes nas marchas e a Policía, despois de que a anterior mobilización xeral, a pasada quinta feira, acabara con 457 persoas detidas polas forzas de seguridade a pesar das alarmas polo uso excesivo da forza por parte da Policía trasladadas pola Organización das Nacións Unidas, Amnistía Internacional, a Defensoría do Pobo de Francia ou o Consello de Europa.

A represión policial alcanzou un novo nivel a pasada fin de semana, cando tratou de evitar unha protesta contra a instalación dun encoro agrícola -alimentado con auga da capa freática- en Sainte-Soline, no suroeste francés, no que resultaron feridos sete manifestantes e 29 policías.

Como resultado da acción das forzas de seguridade, dous manifestantes debátense entre a vida e a morte, confirmou o Ministerio de Interior francés, que esgrime que iniciaron 17 investigacións polos excesos policiais desde o comezo das protestas polas pensións hai dous meses.

Comentarios