Luz verde a perseguir o xenocidio e a tortura durante o franquismo

Exhumacións en Castelló (País Valencià). (Foto: Ajuntament de Castelló)
Invalidarase parte da Lei de amnistía de 1977 após un acordo no seo do Goberno de coalición, que recolle parte das reclamacións das forzas soberanistas.

O proxecto de Lei de memoria democrática que se debate no Congreso do Estado español invalidará parte da Lei de amnistía de 1977, na que se fechaba a porta á investigación e persecución xudicial dos delitos perpetrados polas autoridades durante a ditadura franquista.

O acordo do Goberno de coalición, entre PSOE e Unidas Podemos, recolle parte das reclamacións que viñan facendo forzas soberanistas, que pedían a derrogación completa da norma de 1977.

Nese sentido, pactaron que os crimes de lesa humanidade, xenocidio e tortura non estean cubertos pola Lei, como sostén o dereito internacional convencional e o dereito internacional humanitario, que aclara que esa clase de delitos non poden prescribir nin estar incluídos nunha amnistía.

Retirada de títulos

Nas modificacións convidas, esténdese até 1982 o cómputo de vítimas da ditadura de Francisco Franco e retiraranse 33 títulos nobiliarios outorgados a cargos do réxime, polo que desaparecerán figuras como o duque de Franco, Primo de Rivera, Mola ou Calvo Sotelo, e máis marquesados como o de Queipo de Llano, Arias Navarro ou Casa Cervera.

Asemade, o val dos Caídos recuperará o nome orixinal, e pasará a chamarse val de Cuelgamuros.

Oficina de vítimas

Ademais, crearase unha oficina de vítimas da ditadura e un centro de memoria democrática coa participación de vítimas e organizacións memorialísticas. Nestas entidades desenvolverase un banco de ADN para identificar e localizar as persoas asasinadas na guerra civil e na ditadura enterradas en cunetas, que tamén se utilizará no caso dos bebés roubados.

Tamén se aborda no acordo o referente á iconografía do franquismo, prohibindo a exhibición “en lugares representativos ou áreas de acceso ao público” os retratos e representacións artísticas de persoas vencelladas á represión.

Devolucións de bens

De aprobarse a norma, o Estado terá que proceder a efectuar unha auditoría na que se desenvolve un inventario de bens e dereitos incautados un ano despois da entrada en vigor da Lei de memoria, presentando unha proposta de reparación económica e de resarcimentos de bens para as vítimas do franquismo.

A pesar do pacto, aínda non hai acordo para a declaración de nulidade das sentenzas represivas impostas durante a ditadura.