Lukashenko, presidente de Bielorrusia, alude a unha "operación especial" para "salvar" bielorrusos "perseguidos" en Ucraína
O presidente de Bielorrusia, Alexander Lukashenko, fixo alusión a unha posíbel "operación especial" para "salvar" os seus concidadáns de seren "perseguidos, golpeados e roubados" en territorio ucraíno. "Están a empuxarme a me embarcar nunha operación especial para salvar a nosa xente alí? Non saben do que son capaces as nosas forzas especiais. Xente tola! Déixenos en paz!", aseverou o mandatario bielorruso.
O presidente bielorruso compareceu ante os medios de comunicación tras emitir o seu voto no referendo constitucional decorrido hoxe no país e sinalou que o seu Goberno non destinou "nin un soldado, nin un só vehículo de combate, metralladora, lanzagranadas ou arma de fogo" cara a territorio ucraíno.
"Teñen suficiente munición, cartuchos, metralladoras e xente para abordar os problemas que Rusia quere abordar. Por tanto, non nos atribúan estas cousas", así respondeu Lukashenko a unhas declaracións do presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, nas cales acusaba a Bielorrusia de colaborar na invasión rusa.
Así mesmo, criticou Zelenski por aludir aos bielorrusos nos seus recentes discursos. "Que se dirixa ao pobo ucraíno e sexa responsábel do que está a acontecer en Ucraína", trasladou Lukashenko ao seu homólogo.
Na súa crítica ás autoridades ucraínas, Lukashenko remarcou que, segundo el, Kiev forneceu armas á oposición bielorrusa durante as protestas que arrancaron no país a mediados de 2020 en contra do mandatario e o seu Goberno.
"Se segue así, veremos cousas terríbeis. (Zelenski) Non se esconderá en ningún búnker, sexa americano ou calquera outro. Hoxe debemos parar a guerra, aínda que nin sequera o chamaría guerra polo momento. Segue sendo un conflito, un ou dous días máis e si que haberá unha guerra", culminou.
Estas palabras de Lukashenko danse nun contexto marcado polo ofrecemento de Bielorrusia a acoller conversacións entre representantes rusos e ucraínos en medio da operación militar iniciada por Moscova contra territorio de Ucraína.
Zelenski e o seu Goberno opuxéronse a participar en conversacións con Rusia na cidade bielorrusa de Gómel. "Non podemos ir a Bielorrusia, desde onde lanzan avións e mísiles ás nosas cidades", criticaron desde a Secretaría de prensa do mandatario ucraíno.