Longas colas en Ucraína para fuxir dos bombardeos

Filas de coches ás portas dunha gasolineira na rexión do Donbass. (Foto: Diego Herrera / Europa Press).
Tras varias explosións en Ucraína após o anuncio de Putin dunha operación militar no Donbass, a poboación local mobilízase cara a puntos máis seguros.

Varias explosións sacudiron distintas cidades de Ucraína a primeira hora desta quinta feira. Tropas rusas desembarcaron en Odesa e producíronse bombardeos de artillería na fronteira tras o anuncio por parte do presidente Vladimir Putin de iniciar unha operación militar na rexión do Donbass

"Leváronse a cabo ataques con mísiles en varias instalacións militares en Kiev, Járkov e Dnipró, un grupo de desembarco ruso aterrou en Odessa e as tropas rusas han cruzado a fronteira preto de Járkov", dixo o asesor do ministro do Interior ucraíno, Anton  Gerashchenko, quen tamén detallou que os ataques con mísiles tiveron lugar nos centros da Administración Militar, Aeródromos e Depósitos militares en Kiev, Járkov e Dnipró. 

Ataques estratéxicos

Pola súa parte, o Ministerio de Defensa de Rusia declarou que as instalacións da defensa antiaérea das Forzas Armadas de Ucraína "están reprimidas" e a infraestrutura militar das súas bases aéreas "está inhabilitada".

Previamente, emitiu un comunicado no que destacou que as forzas rusas non realizan ningún ataque con mísiles, aviación e artillería contra as cidades de Ucraína, facendo fincapé en que non hai ameaza para a poboación civil do país. Úsanse armas de alta precisión para incapacitar "a infraestrutura militar, obxectos da defensa antiaérea, aeródromos militares e a aviación das Forzas Armadas de Ucraína", indicou o Ministerio, que tamén salientou que os gardas fronteirizos ucraínos non opoñen resistencia ás tropas de Rusia.

Nunha mensaxe dirixida á nación, o presidente de Ucraína, Vladímir Zelenski, afirmou que "Rusia golpeou a nosa infraestrutura militar e as nosas áreas fronteirizas", agregando que ademais "se escoitaron disparos en Ucraína". "Hoxe é necesario que vostedes, que cada un de vostedes, manteña a calma. Se é posíbel, quédense na casa. Estamos a traballar. O Exército está a traballar. Todo o sector do servizo de defensa de Ucraína está a traballar", asegurou  Zelenski.

Primeiras baixas

Tras os primeiros bombardeos e este chamamento inicial á poboación, as Forzas Armadas de Ucraína informaron das primeiras baixas, con sete militares ucraínos mortos na rexión de Odesa e decenas de "inimigos" caídos nunha localidade de Lugansk.

Longas filas de coches en Kiev

Mentres, centos de cidadáns ucraínos foxen do país. As estradas principais están colapsadas con familias enteiras que tratan de saír de Ucraína nos seus coches ou buscan afastarse das zonas de conflito, nomeadamente da rexión de Donbass

A televisión tamén amosou imaxes de persoas fechándose nos sotos ou rezando nas rúas de Kiev, cada vez máis baleiras.
Na capital, as estacións de metro convertéronse en búnkers improvisados mentres os trens seguen a circular.