Ucraína declara o estado de emerxencia e aproba que a poboación civil se arme

Estados Unidos cancela a reunión bilateral con Rusia prevista para esta quinta feira.
EuropaPress_4253341_civilian_volunteer_of_the_112th_territorial_defense_brigade_of_kiev_takes
photo_camera Un voluntario ucraíno participa nun encontro militar organizado o pasado 14 de febreiro ás aforas de Kiev para adestrar civís (Foto: Celestino Arce Lavin / Europa Press)

O Consello de Seguridade Nacional e Defensa de Ucraína aprobou nesta cuarta feira impor o estado de emerxencia en todo o país ante a repunta das tensións con Rusia na rexión do Donbass, unha medida que aínda debe recibir o respaldo do Parlamento para a súa entrada en vigor. 

O anuncio foi realizado polo secretario do organismo, Oleksiy Danilov, que resaltou que a medida non entraría en vigor en Donetsk e Lugansk, epicentro do conflito desde hai oito anos.

Ademais, o Ministerio do Interior ucraíno destacou nunha mensaxe en Telegram que se introducen novas restricións nas zonas fronteirizas do país, incluída unha prohibición de permanencia durante a noite e a suspensión do tráfico rodado fóra da rede de estradas que leven á fronteira. 

Interior explicou que se impuxeron medidas para impedir a presenza de estranxeiros nestas zonas e controlar o uso de estacións de radio, o sobrevoo de drons e a realización de vídeos ou fotografías de elementos de seguridade na fronteira. E o Ministerio de Exteriores instou a abandonar Rusia "inmediatamente" a cidadanía ucraína, uns tres millóns de persoas que viven de forma permanente ou parcial en territorio ruso.

Tamén esta cuarta feira o Parlamento ucraíno aprobou de forma provisional un proxecto de lei para legalizar a tenencia de armas por parte da poboación, co obxectivo de "determinar as condicións" para a súa obtención "por parte de civís e de entidades legais" para "a autodefensa", así como crear un rexistro deste armamento e determinar a súa posesión e uso "por parte de estranxeiros en Ucraína". 

Resposta rusa ás sancións

Do outro lado da fronteira, a respecto das sancións anunciadas por Occidente e máis concretamente por Estados Unidos polo recoñecemento das repúblicas populares de Donetsk e Lugansk, o Ministerio de Exteriores ruso emitiu un comunicado en que promete dar "unha forte resposta", segundo informou Russia Today.

"Malia a inutilidade obvia dos esforzos, realizados ao longo de moitos anos co fin de impedir o desenvolvemento da nosa economía, Estados Unidos volve usar por reflexo as ferramentas restritivas que son ineficaces e contraproducentes desde o punto de vista dos propios intereses estadounidenses", sinala o texto.

A política exterior estadounidense, engade o comunicado gobernamental, xa non ten no seu arsenal máis medidas fóra "da chantaxe, da intimidación e das ameazas". Ademais, insístese en que desde Rusia "estamos abertos á diplomacia, con base nos principios de respecto mutuo, igualdade e atención aos intereses de cada un".

A respecto desa "forte resposta", Exteriores asegurou que non será "necesariamente simétrica", mais si "axustada e sensíbel para a parte estadounidense".

Os xefes da diplomacia rusa e estadounidense, Sergei Lavrov e Antony Blinken, tiñan previsto manter esta quinta feira unha xuntanza en Xenebra, mais o norteamericano cancelouna "agora que vemos que comeza a invasión" de Ucraína, segundo manifestou nunha conferencia de prensa desde Washington despois de reunirse co seu homólogo ucraíno, Dmitro Kuleba. 

China critica a "dobre moral" dos EUA e as sancións contra Rusia

O Goberno chinés condenou a imposición de "sancións ilegais" contra Rusia e acusou os EUA de facer gala dunha "dobre moral" en cuestións relacionadas coa soberanía. A portavoz do Ministerio de Defensa chinés, Hua Chunying, considerou que "culpa do aumento da tensión e o clima de pánico en Ucraína" é de Washington, e lembrou que EUA impuxo a Moscova centos de sancións desde 2011. "Resolveron algún problema? Vaise resolver a crise de Ucraína impondo sancións? Fai do mundo un lugar mellor?", preguntouse.

Tamén desde o Goberno do Irán acusouse a EUA e a OTAN de "empeorar a situación" con accións "provocadoras". Na mesma liña que o presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, que cuestionou: "E que pretende o mundo? Que o presidente Putin fique de brazos cruzados e non actúe en defensa do seu pobo?".

Comentarios