Londres ponlle data ao segundo referendo de independencia en Escocia: "en 25 ou 40 anos"

Unha nova sondaxe, a 12ª consecutiva, dá un apoio maioritario á secesión do Reino Unido. Un representante do Partido Republicano pediu a Boris Johnson que presente unha estratexia clara para frear esta dinámica.
EuropaPress_3295588_01_september_2020_england_london_uk_prime_minister_boris_johnson_and
photo_camera Alister Jack, secretario de Estado para Escocia, con Boris Johnson (Stefan Rousseau / PA Wire)

"Tal e como estamos a ver agora mesmo na outra beira do Atlántico, os políticos que cargan contra a democracia non se impón. Non dignifiquemos este lixo. En troques, continuemos a traballar e a gañar a causa pola independencia. O poder non pertence aos políticos, perténcelle ao pobo". A primeira ministra e líder do Partido Nacional Escocés (SNP, nas siglas en inglés), Nicola Sturgeon, respondía así hoxe ás manifestacións de Alister Jack, secretario de Estado británico para Escocia (o equivalente ao delegado do Goberno español na Galiza), sobre a posibilidade de realizar un segundo referendo de independencia. 

Jack, nunha entrevista na BBC emitida nas últimas horas, desbotou unha consulta para o curto prazo ─tal e como defende o Goberno escocés─ e insistiu no mantra oficial de Londres de que a de 2014 tiña o carácter de ser "única nunha xeración". Cando foi preguntado que entendía el por unha xeración, afirmou: "Son 25 anos ou son 40 anos, vostede dirá. Mais o que está claro é que nin son seis anos nin 10".

Mandato do pobo

A cuestión xurdiu a propósito das expectativas de cara á vindeira lexislatura no Parlamento escocés. As enquisas dan unha nova e clara vitoria ao SNP nos comicios previstos para o 6 de maio de 2021. O Goberno de Sturgeon e os partidarios da independencia consideran que, de se confirmar, isto outorgaríalles un novo mandato para convocar outro referendo, o coñecido como indyref2.

Mais Escocia non ten a competencia para organizar unha consulta secesionista. Para realizala, cómpre que o poder central do Estado active a Section 30, pola cal Londres transfire temporalmente a Edimburgo os poderes. Este foi o mecanismo usado hai seis anos. Daquela, 55% votou a prol de continuar sendo parte do Reino Unido.

A expresión "unha vez nunha xeración" xorde no contexto que rodeou as negociacións e a campaña daquel primeiro referendo. O entón primeiro ministro escocés, Alex Salmond, usábaa frecuentemente para pór en valor "o único e precioso momento na historia de Escocia, unha oportunidade única nunha xeración para trazar un mellor vieiro", tal e como recolleu no libro branco publicado para aquela ocasión. O primeiro ministro de Reino Unido, Boris Johnson, lembroulle este "compromiso" a Sturgeon na carta de resposta ─e rexeitamento─ á súa última petición de convocatoria do indyref2.

54%-46%

As declaracións de Alister Jack chegan un día despois de que unha nova enquisa recollese que o apoio á independencia en Escocia está en 54%, por 46% favorábel á permanencia no Reino Unido. Esta é ─informa The National─ a 12º consecutiva en que a opción secesionista é maioritaria.

Ao respecto, o ex ministro británico do Partido Conservador e representante na Cámara alta, Andrew Dunlop, afirmou que Boris Johnson necesita estabelecer con urxencia unha estratexia clara para contrarrestar o crecente apoio á independencia en Escocia.

Comentarios