Reino Unido

Escocia pide formalmente a competencia para convocar referendos de independencia

A primeira ministra escocesa, Nicola Sturgeon, informou nesta quinta feira, 19 de decembro, que enviara unha carta ao premier británico, Boris Johnson. Nesta mesma xornada inaugurouse a nova lexislatura en Westminster.
sturgeon
photo_camera Nicola Sturgeon, na conferencia de prensa desta quinta feira, 19 de decembro, en Edimburgo [Europa Press]

A primeira ministra de Escocia, Nicola Sturgeon, solicitou onte formalmente ao premier británico, Boris Johnson, que lle sexa concedida ao Parlamento escocés a competencia permanente para poder convocar referendos de independencia.

Sturgeon, en base ao éxito do Partido Nacional Escocés (SNP, nas súas siglas en inglés) nas eleccións xerais do Reino Unido a semana pasada ─“un indiscutíbel mandato para calquera estándar de democracia”, sinalou─, confirmou aos medios de comunicación na mañá de onte que enviara unha carta a Johnson para activar a sección 30 da Scotland Act de 1998 (a lei de devolución de competencias a Escocia dese ano, similar a un Estatuto de Autonomía).

Ademais, a primeira ministra escocesa fixo público un documento de 38 páxinas onde especifica as reformas necesarias para que esa competencia ─a de convocar referendos independentistas para abandonar o Reino Unido─ resida definitivamente en Holyrood, é dicir, que sexa a vontade do pobo escocés podelos convocar ou non.

Con todo, no acto de presentación do documento e da comunicación do envío da misiva, Nicola Sturgeon confesou que agardaba un “rotundo non” por parte do Goberno británico

No texto, titulado Scotland’s Right to Choose (“O Dereito a decidir de Escocia”), arguméntase que se produciu “unha mudanza material das circunstancias” desde o referendo de independencia de 2014, baseada na “previsión de que Escocia abandone a UE en contra da súa vontade e o que esa saída da UE revelou sobre a posición de Escocia dentro do Reino Unido”.

Discurso da raíña 

O anuncio de Sturgeon coincidiu coa apertura onte da nova lexislatura en Westminster. Johnson, por boca da raíña Isabel II, insistiu ao Parlamento que a súa prioridade será culminar o Brexit o vindeiro 31 de xaneiro.

elizabethii

O documento, lido pola monarca e escrito polo Goberno, incluía a axenda proposta polo Executivo ao Lexislativo, con temas como a introdución dun sistema de puntos para regular a inmigración e priorizar as e os traballadores cualificados.

A oposición criticou o discurso. "Non hai nada novo para o noso sistema de saúde, os servizos públicos ou para a xente que o está a pasar mal neste Nadal", dixo o número dous do Partido Laborista, John McDonnell.

Comentarios