mércores 26/01/22

A campaña polo referendo de autodeterminación escocés deu a pistolada de saída. De aquí a outubro de 2014 Edimburgo e Londres afanaranse --e moito-- por convenceren á poboación escocesa do si ou o non no camiño cara á independencia de Escocia. Neste senso, o primeiro ministro británico, David Cameron, vén de encetar a súa particular estratexia política. Aínda que Cameron recoñece que a decisión "corresponde ás persoas que viven en Escocia", asegura sentirse "entusiasmado" por un proceso que, xulga, reforzará aínda máis a unidade do Estado británico.

Neste senso, nunha carta enviada esta fin de semana ás moradas escocesas o conservador procurou persuadir ao electorado de que continuar [email protected] a Inglaterra supón "manter o mellor de ambos os dous mundos". Así pois, malia asegurar que sabe "de primeira man que Escocia pode ser unha nación independente", o primeiro ministro insiste en que "o verdadeiramente importante é se debería selo".

"A Gran Bretaña funciona e funciona ben", aseveraba na súa misiva o primeiro ministro, "por que rachala?" se preguntaba Cameron. Desta maneira o partido conservador inglés iniciaba a súa campaña que centrará nos "beneficios" que Reino Unido proporciona a Escocia. Cameron pretende así captar o voto negativo daquelas persoas que segundo as enquisas estarían a ter dúbidas, nomeadamente, a respecto saída de Escocia da UE, o que a obrigaría --se o quixer-- a renegociar a súa entrada. Os últimos inquéritos publicados falan dun 23% da poboación favorábel á secesión e dun 61% de persoas que demandan un maior marco competencial para Edimburgo --mais sen rachar co modelo relacional que até hoxe o une ao Reino Unido.

Aliás, na súa misiva Cameron anuncia a publicación por parte do goberno británico dunha serie de documentos en que detallan "como pode mudar Escocia coa separación". "Todos xuntos estamos mellor", conclúe a carta, "separados somos máis pobres".

Pola súa banda, o Partido Nacional Escocés (SPN), promotor do referendo pola independencia, considerou a estratexia política encetada polo partido conservador "un ataque completamente negativo" que procuran combater co lanzamento da súa propia campaña a prol da independencia baixo o lema Choice (Escolla). 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Londres enceta a campaña contra a independencia de Escocia
comentarios