Lanzan unha edición limitada de "plátano do volcán"

A Asociación de Organizacións de Produtores de Plátanos de Canarias editou unha etiqueta especial que inclúe a imaxe da erupción de La Palma. O obxectivo desta iniciativa é que as e os consumidores comprendan o motivo dos "danos estéticos" neste froito.
Un plátano de Canarias co novo etiquetado. (Foto: C7)
photo_camera Un plátano de Canarias co novo etiquetado. (Foto: C7)

Mentres o volcán de La Palma segue activo, o empresariado da illa pensa solucións para que os negocios e, en consecuencia a economía, non se resintan aínda máis.

Entre outras propostas, xurdiu unha iniciativa moi orixinal para que o froito máis coñecido do arquipélago das Canarias continúe a chegar aos mercados e conte co favor das e dos consumidores.

Así, vai chegar a tendas e supermercados unha edición limitada de plátanos "do volcán".

A Asociación de Organizacións de Produtores de Plátanos de Canarias (Asprocan) optou por lanzar unha serie especial da etiqueta que tradicionalmente distingue o Plátano de Canarias que inclúe unha fotografía da lava, na erupción volcánica de La Palma.

O colectivo anunciou que este distintivo vai estar dispoñíbel até que continúen rexistrándose danos nas plantacións por mor do volcán, pois esas deixan marcas no froito.

O pequeno selo inclúe o aviso "do volcán" para aclarar que o motivo dos danos estéticos na monda é o volcán, de maneira que a xente non pense que se descoidou a produción por outros motivos e rexeite a compra.

Segundo concretou un medio local, o distinto efecto estético é a consecuencia da cinza que sae de Cumbre Vieja. A finalidade é garantir que os plátanos son perfectamente aptos para o consumo malia o deterioro exterior.

Esta sorte de publicidade súmase á iniciativa solidaria que Plátano de Canarias chamou 'Un plátano por La Palma'.

Comentarios