Presos políticos nas candidaturas

Junqueras será o número 1 da lista de ERC o 21-D

ERC vai ir como tal ás eleccións do 21-D. Integrará na súa candidatura o partido Demòcratas -esgazadura soberanista da extinta Unió-, e o colectivo Més. Unha vez decidido que non haberá unha candidatura unitaria do bloco soberanista, Esquerra propón unha "fronte republicana" entendida como a coordenación programática das forzas independentistas.

Junqueras
photo_camera Oriol Junqueras

Un preso político será o cartaz de ERC para o 21-C. Junqueras está encarcerado por decisión da xuíz da Audiencia Nacional Carmen Lamela -canda outros 7 consellers- e sobre el pesan os cargos de rebelión, sedición e malversación de fondos. Ao ser simplesmente unha prisión incondicional preventiva -aínda non foi xulgado- conserva en plenitude todos os seus direitos políticos e pode ser candidato.

Na listaxe estarán tamén os consellers de ERC que ou ben están na cadea ou ben en Bruxelas na compaña de Carles Puigdemont.

Esquerra tenciona apresentar como candidata, no número 4 da lista, Carme Forcadell, presidenta do Parlament e en liberdade sob fianza tamén cos cargos de rebelión, sedición e malversación ás súas costas.

A incógnita agora é que fará Carles Puigdemont. A súa primeira opción é liderar unha lista de país (que xa non sería unha coligazón de forzas políticas, dada a negativa de ERC e a CUP). De non se concretizar, o PDeCAT agarda que aceite encabezar a súa candidatura. Para o convencer de tal cousa teríanse desprazado a Bruxelas nas últimas horas Artur Mas, líder do partido, e Marta Pascal, coordenadora da formación.

Comentarios