Juan Carlos I regresa á Galiza: visitará Sanxenxo o 21 e 22 de maio
O rei emérito Juan Carlos I volverá ao Estado español a vindeira fin de semana, segundo adiantou Onda Cero, para visitar a vila galega de Sanxenxo.
Será a primeira vez que o monarca pise territorio español após pasar case dous anos residindo nos Emiratos Árabes Unidos (EAU).
Desta maneira, Juan Carlos I estará na Galiza os días 21 e 22 de maio, antes de acudir a Madrid para reunirse co xefe de Estado, Felipe VI.
Precisamente, este domingo deuse a coñecer unha conversa telefónica entre o rei e o seu proxenitor, que tivo lugar durante a visita de Felipe VI a Abu Dabi polo falecemento do dirixente dos EUA Mohamed Bin Zayed Al Nahyan.
Arquivo da causa polo AVE á Meca
A pasada semana, a Fiscalía Anticorrupción acordou o arquivo das dilixencias preprocesuais abertas en 2018 relativas ás comisións de até 80 millóns de euros cobradas en relación ao AVE á Meca, ao non poderse acreditar a comisión dun delito de corrupción nas transaccións internacionais.
Segundo confirmaron fontes fiscais a Europa Press, a Fiscalía Especializada deu por rematada a investigación, que non se atopaba xudicializada, senón nunha fase anterior —de dilixencias fiscais— que podía concluír en arquivo ou pondo o investigado a disposición dun xuíz.
Anticorrupción abriu as dilixencias en decembro de 2018 para tentar aclarar o destino de 80 millóns de euros que, segundo Corinna Larsen, repartiron, entre outros o rei emérito, Juan Carlos I, pola adxudicación do AVE á Meca a empresas españolas en 2011.
Na causa investigábanse os contratos mais non o propio Juan Carlos I, posto que no momento dos feitos gozaba de inviolabilidade como monarca.