O arquivo das causas contra o rei emérito facilita a súa volta

Nós Diario repasa as causas que rodeaban o rei emérito Juan Carlos I até a decisión da Fiscalía do Tribunal Supremo da cuarta feira de arquivar todas as investigacións iniciadas. A inviolabilidade e as regularizacións: os argumentos de Juan Carlos I.
Juan Carlos I de Borbón podería regresar ao Estado español sen problemas coa xustiza. (Foto: Legan P. Mace)
photo_camera Juan Carlos I de Borbón podería regresar ao Estado español sen problemas coa xustiza. (Foto: Legan P. Mace)

As causas polas que o rei emérito Juan Carlos I estaba a ser investigado eran múltiples, mais todas elas teñen sido sobresidas na pasada cuarta feira por decisión da Fiscalía do Tribunal Supremo.

Entre as causas arquivadas atópanse cuestións como o cobro de comisións polas obras do alta velocidade (AVE) á Meca coa percepción dunha doazón de 65 millóns de euros de Arabia Saudita; cotas defraudadas á Facenda Pública no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) de 2008 a 2012 que superan o importe de 120.000 euros que o Código Penal estabelece como "limiar do delito"; transferencias recibidas entre os anos 2016 e 2019 polo empresario británico-mexicano Allen Sanginés-Krause por un importe de 516.606 euros; gastos e viaxes sufragados pola Fundación Zagatka do seu primo Álvaro de Orleans; e a pertenza de dous trust (varias empresas do mesmo sector que se unen formando unha soa empresa) en Jersey (illa no canal da Mancha dependente da coroa británica) cando este territorio era considerado paraíso fiscal polo Estado español.

Con respecto ás sospeitas por corrupción nos negocios polo proxecto de AVE á Meca, no que participaban 12 empresas españolas e dous sauditas, a Fiscalía sinala que a investigación non puido estabelecer "nin sequera de maneira indiciaria" ningún vencello entre a doazón de 65 millóns de euros da Arabia Saudita que o emérito tería ocultado en Suíza a través da fundación Lucum -fondos dos que a Fiscalía ten claro que o seu titular real era Juan Carlos I-  e a adxudicación do proxecto. 

Neste sentido, especúlase que "se trataría dun regalo que podería ter recibido na consideración de Xefe de Estado que Juan Carlos de Borbón ostentaba en 2008 e, polo tanto, susceptíbel de integrar o delito de suborno", mais este posíbel delito estaría "claramente prescrito".  Polo que respecta a un posíbel delito de lavado de cartos, estaría cuberto pola inviolabilidade.

A Fiscalía admite irregularidades tamén con respecto á ocultación de diñeiro no estranxeiro non declarado á Facenda mais boa parte dos feitos tiveron lugar antes do 2 de xuño de 2014, cando abdicou como Xefe do Estado e, en consecuencia, está protexido pola inviolabilidade que lle outorga a Constitución española, o que impedirá que sexa castigado.

En referencia ao recibido por Sanginés-Krause a Fiscalía considera que "non existe constancia de ningunha contrapartida polas transferencias realizadas". Estaban suxeitas ao imposto de sucesións e doazóns e o emérito regularizounas cunha declaración ante a Axencia Tributaria o 9 de decembro de 2020, ingresando 556.412,5 euros máis cargos e intereses de demora.

Do mesmo modo actuou para tentar solucionar a causa relacionada coa Fundación Zagatka, en febreiro de 2021, cunha achega de 4,41 millóns de euros.  No que respecta aos trust o Ministerio Público sustenta que non existen indicios do vencello cos fondos opacos.

A pesar da claridade coa que o xefe da Fiscalía Anticorrupción, Alejandro Luzón, detalla nos informes as irregularidades do emérito, a xustiza non dará percorrido penal ás acusacións que implican Juan Carlos I.

Comentarios