Izquierda Unida non entra na Dirección de Sumar

Suspende temporalmente a súa participación nos órganos de decisión da formación de Yolanda Díaz á espera a Asemblea Federal de maio

O texto da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, non prosperou. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Yolanda Díaz (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

IU concorrerá ás europeas con Sumar e acepta o cuarto posto que lles reservou na lista o proxecto de Yolanda Díaz malia o malestar interno en sectores de Izquierda Unida por entender que se lles relega na candidatura.

Porén, IU tamén decidiu que, polo de agora, non entrará nos órganos de dirección de Sumar á espera do que decida a este respecto a Asemblea Federal que decorrerá en maio. Un modeo de facer ver o seu desacordo polo trato que se lles está dando en Sumar.

"Aceptamos a proposta de Sumar para que Manu Pineda, o noso candidato elixido en primarias, ocupe o cuarto lugar na candidatura conxunta. Non é a posición que merece a nosa organización, pero a clase traballadora e o futuro da esquerda transformadora non merecen máis división e desmoralización no actual momento de avance reaccionario en toda Europa", asegura Esquerda Unida no comunicado que remitiu á súa militancia e que publican medios como a Cadena Ser.

IU afirma que seguirá traballando para mellorar ese acordo até o final (o peche das coalicións é esta sexta feira) e asegura que fará unha “campaña propia” con perfil, imaxe e propostas que nacerán das decisións da organización.

O terceiro punto do comunicado fala da relación con Sumar, que, di o texto, será un debate de profundo calado na Asemblea Federal. “Neste sentido, e mentres se desenvolve o debate no seo de Esquerda Unida, non se participará dos órganos do Partido Sumar até a celebración e decisión da Asemblea Federal”, expón o texto.

Segundo indica a Ser, IU considera que con eses métodos negociadores e os malos resultados electorais nas últimas citas coas urnas –as vascas deste domingo e as galegas de febreiro, nas que quedaron fóra do Parlamento– son a proba de que Sumar non se está construíndo como o proxecto "integrador" da esquerda que aspiraba a ser cando Díaz lanzou o seu proxecto hai un ano en Magariños.

Comentarios