Israel non confirma o anuncio de tregua de Trump e Hamás subliña que debe incluír a fin do xenocidio
O réxime israelí “aceptou as condicións necesarias para finalizar [un acordo para] un cesamento do fogo de 60 días” en Gaza, un período no que “traballaremos con todas as partes para pór fin á guerra”, sostivo na madrugada da cuarta feira o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump.
A “proposta final” será entregada por Qatar e Exipto, os outros dous países que exerceron como mediadores, apuntou o mandatario, que ameazou Hamás con que a situación “só empeorará” se non acepta o pacto. Ao tempo, Trump transmitiu que confía en que haberá un entendemento nunha semana.
Un funcionario sionista trasladou á axencia AP que neses 60 días se produciría unha retirada parcial das tropas israelís da Faixa e permitirían un aumento da entrada de axuda humanitaria, e a prensa estadounidense engade que nese tempo Hamás liberaría 10 detidos israelís na Faixa con vida e entregaría os corpos de 15 máis. Dos arredor de 50 israelís retidos polas organizacións palestinas estímase que a metade seguen vivos. Todo indica que isto sería a cambio da liberación de palestinos presos en Israel.
Asemade, o membro da Administración israelí pormenorizou que, malia que os mediadores ofrecerían garantías de que se producirían nese lapso negociacións para pór fin ao xenocidio, o Goberno de ultradereita sionista non se compromete na última proposta a acabar con el.
Taher al-Nunu, alto cargo do grupo palestino, que goberna Gaza, deixou entrever que os termos do documento non son aceptábeis, remarcando que están “dispostos a aceptar calquera iniciativa que conduza claramente á fin completa da guerra”.
En paralelo, á hora do fechamento desta edición Israel aínda non fixera ningún pronunciamento oficial. O primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, non confirmou o anuncio de Trump e declarou que “non haberá Hamás”, e o ministro de Exteriores, Gideon Sa’ar, subliñou que hai un grande apoio tanto no Gabinete como na poboación, e a oposición tamén se posicionou a favor. Con todo, o titular de Seguridade Nacional, Itamar Ben-Gvir, reclamou ao de Finanzas, Bezalel Smotrich, unirse para frealo.
Hamás exixe para aceptar un cesamento do fogo a retirada completa de Israel de Gaza e a fin do xenocidio, así como o intercambio dos israelís detidos por boa parte dos milleiros de palestinos retidos nos cárceres sionistas.
Pola contra, non están tan claras as demandas do réxime israelí, posto que unha das estratexias que repetiu para boicotear as negociacións dun acordo no último ano e medio foi ir engadindo condicións (e intensificando os masacres) cada vez que se aproximaba un pacto. Nese sentido, medios internacionais sinalan que podería aceptar acabar co xenocidio se Hamás se rende e se desarma. Non obstante, e a pesar das baixas sufridas polo grupo, o seu número de combatentes é semellante ao que tiña ao comezo do xenocidio, admitiu Washington.
Falta de confianza
O certo é que un dos maiores obstáculos para fechar un acordo é a falta de confianza de Hamás nos compromisos, asinados incluso, de Israel e do seu principal aliado e provedor de armas, os Estados Unidos.
Nin sequera o anuncio por parte do país americano de que Israel aceptou as condicións dunha tregua é nin de lonxe unha garantía, pois o mesmo fixo o anterior presidente estadounidense, Joe Biden, a finais de maio do pasado ano, o que non impediu que o réxime sionista o ignorara. En teoría, Netanyahu tamén aceptara poucos meses despois unha tregua no Líbano impulsada por Washington antes de negalo.
A isto hai que engadir o acontecido na tregua en Gaza que se estendeu entre o 15 de xaneiro e o 18 de marzo deste ano, que Israel validou tras forzalo Trump. Neses meses, as tropas sionistas violaron de forma reiterada o pacto, mantendo os ataques a civís, obstaculizando a entrada de axuda humanitaria e negándose a negociar con Hamás –como estipulaba o documento– a entrada na seguinte fase do cesamento do fogo, que supuña a fin do xenocidio, entre exixencias de cambiar os termos pactados. Finalmente, e co aval de Trump, o réxime reactivou os bombardeos masivos, acabando por sorpresa coa tregua.
Tampouco Washington honrou os seus compromisos con Hamás, como a propia organización denunciou en maio logo de liberar o israelí-estadounidense Edan Alexander, o que debería ter implicado a entrada inmediata de axuda humanitaria no enclave palestino e negociacións para unha tregua, o que non ocorreu.
A medida que avanzaba o xenocidio iniciado en outubro de 2023, no que Israel asasinou máis de 56.000 persoas en Gaza, incluso no seo do Estado sionista estabeleceuse un consenso sobre que o principal motivo detrás da negativa de Netanyahu a aceptar a fin dos ataques é garantir a súa supervivencia política e a súa liberdade.
Parte da súa coalición ameazara con marchar do Goberno se aceptaba a tregua, e se deixa o cargo de primeiro ministro multiplícanse as opcións de que o xuízo que decorre contra el por corrupción derive na súa entrada en prisión. Amais, hai unha orde de detención ao seu nome por crimes de guerra e contra a humanidade asinada polo Tribunal Penal Internacional (TPI).
O presidente de Irán suspende a cooperación co OIEA
Despois de acusar reiteradamente o Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) de parcialidade, algo constatado pola súa negativa a condenar os ataques militares israelís e estadounidenses contra instalacións nucleares iranianas, o presidente de Irán, Masoud Pezeshkian, sancionou a cuarta feira a norma aprobada polo lexislativo que paraliza a cooperación coa entidade.
Desta maneira, as e os inspectores do OIEA só poderán entrar no país cando garantan a seguridade das súas plantas atómicas e das súas “actividades nucleares pacíficas”. Aínda que abriu a porta a facelo, Tehran non implementou a súa saída do Tratado de Non Proliferación Nuclear, violado cos ataques de Israel e os Estados Unidos.
De forma paradoxal, Israel, que posúe armas nucleares non declaradas e só coopera parcialmente co OIEA, reaccionou pedindo a Francia, ao Reino Unido e a Alemaña que activen sancións contra Irán. Porén, as sancións introducidas por Washington en 2018 cando rachou de maneira unilateral o acordo nuclear con Tehran deben ser aplicadas por estas capitais pola súa dependencia do país e polo control estadounidense do sistema financeiro, polo que de ser impostas non se prevé que causen danos adicionais.

