Israel eleva as ameazas: "Por cada recoñecemento do Estado de Palestina, un novo asentamento en Cisxordania"

O Goberno de Netanyahu prepara o retorno de colonos a asentamentos ilegais de Cisxordania evacuados hai dúas décadas.
No centro, o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, e á súa esquerda, o ministro de Finanzas, Bezalel Smotrich, nunha reunión do seu Goberno. (Foto: Haim Zach / GPO / DPA vía Europa Press)
photo_camera No centro, o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, e á súa esquerda, o ministro de Finanzas, Bezalel Smotrich, nunha reunión do seu Goberno. (Foto: Haim Zach / GPO / DPA vía Europa Press)

Que o recoñecemento do Estado de Palestina por parte dos gobernos español, irlandés e noruegués tería "consecuencias" foi algo que o Executivo israelí deixou claro esta cuarta feira, cando se ratificou o anuncio e foron chamados a consultas os diferentes embaixadores. Pero algúns membros do gabinete de Benjamin Netanyahu, entre outros o seu ministro de Finanzas, Bezalel Smotrich, elevan aínda máis o ton ameazante que desde hai meses caracteriza Tel Aviv.

Smotrich, líder do ultradereitista Partido Relixioso Nacional do Sionismo, trasladou a Netanyahu unha serie de exixencias "para castigar a Autoridade Palestina", á que acusa de actuar "unilateralmente" para "procurar o seu recoñecemento unilateral como Estado", que fixo públicas a través da rede social X. E das seis propostas que lanza hai unha que chama especialmente a atención: aumentar a aposta polos asentamentos israelís en Cisxordania, declarados ilegais e considerados un "crime de guerra pola ONU".

Máis concretamente, o ministro ameza con erguer "un novo asentamento por cada Estado que recoñeza o Estado de Palestina". E dado que esta cuarta feira foron tres —o Estado español, Irlanda e Noruega— os que avanzaron a súa vontade de facelo, Smotrich anuncia que se formalizarán tres novos asentamentos ilegais.

Tamén solicitou ao seu Goberno a autorización para construír 10.000 novas vivendas en asentamentos que separan as zonas norte e sur desta rexión palestina que, desde hai anos, conta con cada vez máis asentamentos de colonos.

O retorno a estes lugares evacuados hai dúas décadas, avanzado polo ministro de Defensa, Yoav Gallantcontra o que o fiscal da Corte Penal Internacional pediu tamén unha orde de arresto—, provocou unha resposta da ONU, que condena a decisión do Goberno de Netanyahu salientando que son ilegais.

A Secretaría Xeral de Nacións Unidas afirmou esta cuarta feira que "calquera política que fomente máis asentamentos" israelís "afasta aínda máis o logro" da solución de dous Estados, para a rexión. "A nosa posición sobre os asentamentos e sobre a súa legalidade segundo o Dereito Internacional segue sendo constante, é a mesma", remarcou Stéphane Dujarric, portavoz do secretario xeral da ONU, António Guterres, durante unha rolda de prensa.

Comentarios