Donald Trump fecha un acordo de asociación económica con Arabia Saudita, que comprará 127.000 millóns de euros en armas

500.000 gazatís están a piques de morrer de fame.
Donald Trump, presidente dos Estados Unidos, e Mohammed bin Salman, príncipe herdeiro saudita, en Riad (Arabia Saudita) o 13 de maio de 2025. (Foto: Axencia de Prensa Saudita / DPA)
Donald Trump, presidente dos Estados Unidos, e Mohammed bin Salman, príncipe herdeiro saudita, en Riad (Arabia Saudita) o 13 de maio de 2025. (Foto: Axencia de Prensa Saudita / DPA)

Arabia Saudita comprará máis de 127.000 millóns de euros en armas e material militar aos Estados Unidos como parte dun paquete de acordos máis amplo de 539.000 millóns de euros, sostivo a terza feira a Casa Branca, pouco despois de que o presidente Donald Trump rubricara co príncipe herdeiro saudita, Mohammed bin Salman, un acordo de asociación económica, ampliando a cooperación no ámbito militar, da enerxía ou mineiro.

A sinatura produciuse no primeiro día da xira por Asia Occidental de Trump, que inclúe tamén Qatar e os Emiratos Árabes Unidos, na primeira viaxe de Estado do seu segundo mandato na Presidencia, e que tería sido a súa primeira saída do país de non producirse o falecemento do Papa Francisco, que motivou que acudira ao Vaticano.

Durante a xornada, Trump e bin Salman reuníronse con varios altos cargos de Google, Nvidia, Amazon, OpenAI, Tesla e Boeing, nun desprazamento no que Trump asegurou do futuro monarca que “gustámonos moito”. 

Riad aproveitou a visita de Trump para impulsar o seu papel a nivel internacional, que non se viu influenciado polo asasinato do opositor saudita Jamal Khashoggi na embaixada do país en Istambul (Turquía) en 2018.

A investigación oficial determinou que varios membros do grupo saudita que o matou e desmembrou estaban intimamente relacionados co príncipe, que tería ordenado o asasinato, unha conclusión á que tamén chegou a Axencia Central de Intelixencia (CIA) dos Estados Unidos, país no que residía o defunto.

Tamén se agarda que na xira Trump aborde o xenocidio que está a perpetrar Israel en Gaza, onde “toda a poboación enfronta altos niveis de inseguridade alimentaria” e 500.000 persoas están en risco de morrer de fame, resolveu a Clasificación de Fases de Seguridade Alimentaria, integrada por unha vintena de organizacións, entre elas varias axencias da Organización das Nacións Unidas (ONU).

Malia que Trump estase a afastar do Executivo de ultradereita israelí, co seu enviado especial, Steve Witkoff, responsabilizando o réxime sionista de impedir un acordo para acabar coa guerra e intercambiar os presos diante das familias dos detidos israelís na Faixa, remarcan medios locais, segue sen cuestionar o xenocidio, que considera unha “guerra”.

En contraste, a súa Administración recibiu o primeiro grupo de surafricanas e surafricanos brancos aos que concedeu o status de persoas refuxiadas, asegurando neste caso que están a padecer un “xenocidio”, unha cualificación que non comparte ningún outro país e da que non existen evidencias.

Comentarios