Nova ministra de Vivenda

Isabel Rodríguez estréase prometendo "protexer" a quen "dedicaron os aforros a adquirir unha segunda vivenda"

Rodríguez tamén defendeu que cada cidadán e cidadá ten dereito "a un teito onde albergar a educación dos seus fillos ou proxectarse persoal e laboralmente".
Raquel Sánchez entrega a carteira do Ministerio de Vivenda á nova titular, Isabel Rodríguez. (Foto: Marta Fernández Jara / Europa Press)
photo_camera Raquel Sánchez entrega a carteira do Ministerio de Vivenda á nova titular, Isabel Rodríguez. (Foto: Marta Fernández Jara / Europa Press)

A nova ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, estreou esta terza feira o seu novo cargo no Goberno español lanzando unha mensaxe aos pequenos propietarios, dicindo que "tamén se lles protexerá", especialmente os que "dedicaron todos os seus aforros" á adquisición dunha segunda vivenda que hoxe "complementa as súas rendas". Collendo a testemuña da súa predecesora no cargo, Raquel Sánchez, a nova ministra asegurou que a actual Lei de Vivenda, aprobada na última lexislatura, xa protexe estes pequenos propietarios, pero defendeu que seguirá traballando niso.

"Quero ter tamén unha mensaxe de tranquilidade e de esperanza, de sensibilidade cos pequenos propietarios. Tranquilidade, porque este Goberno pisa a rúa e somos conscientes de que en España, moitas persoas, especialmente persoas maiores, dedicaron todo o seu esforzo, todo o seu traballo, todos os seus aforros, á compra dunha segunda vivenda que hoxe complementa as súas rendas. A eles tamén os imos protexer", precisou.

Tamén se referiu en varias ocasións á vivenda como "dereito constitucional", asegurando que cada cidadán e cidadá ten dereito "a un teito onde albergar a educación dos seus fillos ou proxectarse persoal e laboralmente". Rodríguez tamén tivo palabras para os mozos e para as dificultades que estes atopan para acceder á vivenda: "Quero facerme cargo desa sensación, desas miles de familias españolas, da frustración de moita mocidade que ten serias dificultades para acceder a unha vivenda", engadiu.

A ministra agradeceu ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que lle concedese a "honra" de dirixir esta carteira e por apostar por este novo Ministerio enfocado exclusivamente á vivenda, algo que defendeu que só pasou con gobernos do PSOE, para que sexa unha "política de país".

"Despois de 45 anos, logramos ter unha lei que dea responsabilidade á vivenda. Custounos pero está aquí e non imos buscar agora culpábeis, senón achegar solucións. Voume empeñar en que esta sexa unha política de país cun pacto entre todas as administracións públicas e os actores e operadores do sector para aquilatar este dereito constitucional, con absoluto respecto e lealdade á cooperación co resto de administracións públicas", avanzou.

Comentarios