Iraq rexeita falar cos curdos sobre o resultado do referendo

ONU mostra a súa preocupación polo “efecto desestabilizador” na rexión.

kurdistán refrendo voto imaxe de @JccKrg
photo_camera Imaxe de @JccKrg

Bagdag xa anunciou que non pensa falar co goberno autónomo do Curdistán sur sobre os resultados do referendo de autodeterminación que se realizou esta segunda feira e no que a participación foi de 76%. Iraq mantén que o referendo é “ilegal” e vai contra a constitución e integridade territorial. Unha vez fechados os colexios electorais, e á agarda doa finalización do escrutinio –que podería prolongarse até 48 horas-, varias vilas e cidades curdas acolleron festas de celebración da votación. Entre elas, Erbil, capital do Curdistán iraquí, ou Qamishlo, en Siria.

Irán fechou as súas fronteiras co Curdistán iraquí, nun paso máis para mostrar o rexeitamento ao referendo. Turquía mobilizou tropas do seu exército até a fronteira. En palabras de Erdogan, o xército está pronto “para adoptar as medidas necesarias”. O goberno sirio tamén rexeita o referendo, se ben afirma estar disposto a negociar cos curdos en Siria maior grao de autonomía.

O secretario xeral da ONU pediu respecto para a integridade territorial do Iraq e amosouse preocupado polos “efectos desestabilizadores” na rexión deste referendo.  

O Curdistán de Iraq ten goberno rexional e é unha zona autónoma. Dúas son as forzas políticas que se desputan o poder neste área, o UPK e o gobernante PDK.

Comentarios