Freo a repatriación forzosa de menores marroquís en Ceuta

Un tribunal de Ceuta frea a polémica repatriación forzosa de menores marroquís non acompañados, mentres a Audiencia Nacional solicita información ao Ministerio de Interior para avaliar a legalidade das deportacións, que para a Fiscalía e as ONG son claramente ilegais e contrarias á lexislación.
Unha furgoneta con menores non acompañados sendo deportados a segunda feira a Marrocos. (Foto: Antonio Sempere / Europa Press)
photo_camera Unha furgoneta con menores non acompañados sendo deportados a segunda feira a Marrocos. (Foto: Antonio Sempere / Europa Press)

As accións xudiciais emprendidas por varias ONG, co apoio da Fiscalía, conseguiron frear a deportación masiva de arredor de 800 menores non acompañados de Marrocos presentes en Ceuta desde maio, impulsada polo Ministerio de Interior que dirixe Fernando Grande-Marlaska en colaboración co Reino alauí.

Malia que na primeira demanda un xulgado de Ceuta non foi quen de evitar a devolución de sete menores na segunda feira, que xa foran enviados a Marrocos esa mesma mañá, pola tarde, o Xulgado do Contencioso-Administrativo 1 de Ceuta suspendía provisionalmente a repatriación de nove menores.

Ao serán, foi o Xulgado de Instrución 2 de Ceuta o que ordenou frear durante 72 horas o operativo para enviar estes menores non acompañados a Marrocos, trasladou Mabel Deu, vicepresidenta primeira do Goberno ceutí. Neste prazo, a Administración Xeral do Estado terá que achegar documentación que avale que estas deportacións están a respectar a lexislación española.

Tamén prosperou o recurso presentado a segunda feira perante a Audiencia Nacional pola Rede Española de Inmigración e Axuda ao refuxiado, motivado pola vulneración de dereitos fundamentais.

Esta terza feira, a Sala do Contencioso-Administrativo da institución reclamou ao Ministerio de Interior que remita nun prazo de 24 horas o documento da orde do 10 de agosto na que a Secretaría de Estado de Seguridade baseou a repatriación forzosa de menores non acompañados.

No escrito, chámase a “executar as previsións recollidas no artigo 5 do Acordo entre o Reino de España e o Reino de Marrocos sobre cooperación no ámbito da prevención da emigración ilegal de menores non acompañados, a súa protección e o seu retorno concertado, feito en Rabat en marzo de 2007”.

Para a Fiscalía de Ceuta, o oficio de Interior non cumpre coa lexislación do Estado, e “só consta como fundamento xurídica da mesma un oficio da Secretaría de Estado de Seguridade sen sinatura”, sinalan.

A política exterior española, na procura de contentar Marrocos

O 9 de agosto, a delegada do Goberno do Estado en Ceuta, Salvadora Mateos, reiterou que as relacións co Reino de Marrocos volvían ser "moi boas", e advertira que "nos próximos días" se podería ver a materialización desas boas relacións. Mateos situou na mellora das relacións bilaterais "o cambio no Ministerio" de Asuntos Exteriores, no que José Manuel Albares substituíu a Arancha González Laya.

Poucos días despois, facíase público o inicio das deportacións por orde do Ministerio de Interior que encabeza Fernando Grande-Marlaska. A medida, que implicaba a deportación de 15 menores diarios sen informar a Fiscalía, foi criticada por todas as forzas do arco parlamentario do Congreso, agás Vox. Desde as ONG reitérase que o proceso de deportación de menores é ilegal.

Comentarios