martes 22/06/21

A UE condena Marrocos por usar menores na crise de Ceuta

A Eurocámara condenou nunha resolución o abuso dos dereitos humanos polo réxime de Marrocos, rexeitando o uso de menores por parte de Rabat na fronteira con Ceuta para chantaxear España en prol da súa axenda co Sáhara. Desde a esquerda e o soberanismo criticaron a complicidade da UE e España con Rabat.
Menores en Ceuta tras a crise migratoria de mediados de maio. (Foto: Europa Press)
Menores en Ceuta tras a crise migratoria de mediados de maio. (Foto: Europa Press)

O Parlamento europeo cargou na quinta feira contra Marrocos pola escalada migratoria rexistrada en Ceuta, en particular por usar menores para presionar politicamente o Estado español por desavinzas en política exterior, e reclamou fondos de emerxencia para asistir a cidade autónoma na acollida de menores.

Nunha moción aprobada por 397 votos a favor, con 85 en contra e 196 abstencións, as e os eurodeputados puxeron de manifesto o rexeitamento á estratexia de Rabat e afearon que puxera en risco as vidas de milleiros de menores para responder o xesto de España de prestar atención sanitaria ao líder da Fronte Polisario, Brahim Ghali.

A moción conxunta de populares, socialistas, liberais, soberanistas e ecoloxistas lamenta o empeoramento da crise diplomática e política que "socava a estratexia multidimensional e as relacións de veciñanza privilexiadas entre Marrocos, a Unión Europea e os seus Estados membros".

Exceptuando Vox, o texto recibiu o apoio de todos os eurodeputados electos no Estado español, tanto do PP, PSOE, Cs e Podemos como das forzas soberanistas das nacións. A inciativa defende ademais a vía diplomática para abordar as desavinzas entre Madrid e Rabat e pide rebaixar as tensións, así como retomar o diálogo no seo da asociación UE-Marrocos.

A pesar do voto a prol da maioría das forzas, o debate deu lugar a duras críticas desde os escanos esquerdistas e soberanistas  á estratexia de España e da UE sobre Marrocos e o Sahara. 

"Desde hai 25 anos non temos un debate sobre a situación dos dereitos humanos en Marrocos", dixo o eurodeputado de Anticapitalistas, Miguel Urbán, "porque para a maioría deste Parlamento o único que importa é que Marrocos sexa un bo policía de fronteiras. 

O catalán Jordi Solé, eurodeputado por Agora Repúblicas (coalición de BNG, ERC e Bildu) cargou contra o réxime marroquí por empregar as crianzas mais tamén contra o Estado español, polas presuntas expulsións colectivas ilegais e as denuncias sobre abusos policiais que "poñen de relevo as graves carencias da xestión europea da inmigración". 

comentarios