Critican a repatriación forzosa de menores cara a Marrocos

A devolución forzosa de menores non acompañados de Ceuta a Marrocos que comezou a pasada sexta feira está despertando críticas en contra do Ministerio de Interior procedentes tanto desde as ONG como desde o seo do Goberno do Estado, nun proceso do que non foi alertada a Fiscalía Xeral estatal.
Furgoneta en Ceuta con menores sendo enviados a Marrocos esta segunda feira. (Foto: Antonio Sempere / Europa Press)
photo_camera Furgoneta en Ceuta con menores sendo enviados a Marrocos esta segunda feira. (Foto: Antonio Sempere / Europa Press)

“Calquera repatriación colectiva de nenos, nenas e adolescentes é ilegal”, sentenciou esta segunda feira a Asociación Española de Pediatría e Atención Primaria (AEPap), sumándose ao chamamento de organizacións coma Amnistía Internacional, Unicef, a Plataforma da Infancia ou Save the Children, en contra da repatriación forzosa a Marrocos dos 800 menores non acompañados que están en Ceuta desde maio.

A AEPap defende que este proceso ten que ser suspendido “por non cumprir a lexislación vixente, isto é, a Protección xurídica do menor, o Regulamento de estranxeiría e a Convención dos dereitos das crianzas”.

Quince menores marroquís non acompañados están sendo enviados ao día a Marrocos desde a pasada sexta feira, cando pouco antes das dúas da tarde o primeiro grupo subiu nunha furgoneta para cruzar a fronteira. Tanto a Fiscalía Xeral do Estado como a Fiscalía de Ceuta abriron dilixencias ese mesmo día para investigar as condicións na que se está producindo a deportación, despois de non ser informadas polo Ministerio de Interior, que só enviou unha comunicación xenérica sen precisar nin que menores de idade, nin cando serían enviados.

Desde o Ministerio Público salientaron que a decisión do Ministerio dirixido por Fernando Grande-Marlaska (PSOE) “non contou co respaldo nin coa intervención” da Fiscalía. Tamén o Ministerio de Dereitos Sociais, encabezado por Ione Belarra (Unidas Podemos), incidiu en que “calquera proceso de reagrupamento familiar debe contar cun protocolo que inclúa entrevistas individualizadas das crianzas”, e máis do “coñecemento pormenorizado por parte da fiscalía do procedemento”.

Malia que o xulgado de instrución 2 de Ceuta denegou o domingo a suspensión da repatriación forzosa de sete menores xa que foran enviados esa mesma mañá a Marrocos, o Xulgado do Contencioso-Administrativo 1 de Ceuta suspendeu onte a repatriación de nove menores, polas carencias na tramitación do proceso por parte do Ministerio do Interior

Un de cada catro menores sufriron violencia, abusos ou malos tratos

A ONG Save the Children entrevistou as crianzas non acompañadas que entraron en Ceuta en maio, cando Marrocos abandonou a vixilancia da fronteira, desvelando que un de cada catro sufrían violencia, abusos ou malos tratos no Reino alauí, mentres un de cada seis denunciou tortura ou trato degradante.

Desde as ONG acusan o Estado de impulsar unha repatriación ilegal, reiterando que non hai menores estranxeiros non acompañados "vulnerábeis" ou "non vulnerábeis". Pola súa banda, o ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, sostivo onte pola mañá que os menores nunha situación vulnerábel non serán devoltos antes de estudar cada caso, remitindo a un acordo de 2007 entre o Estado e Marrocos para a repatriación forzosa.

Comentarios