Intensifícanse as protestas no Perú despois de dúas mortes pola represión

Tras a confusión posterior á destitución de Castillo, os movementos sociais están a impulsar manifestacións ao longo do país, con máis de 30 cortes de estrada, manifestacións dous aeroportos e mobilizacións multitudinarias.
Feche de estrada na mañá de onte das rondas labregas de Virú, no oeste do territorio peruano (Foto: Juan Ventura).
photo_camera Feche de estrada na mañá de onte das rondas labregas de Virú, no oeste do territorio peruano (Foto: Juan Ventura).

Arredor de 2.000 persoas manifestáronse na segunda feira o terceiro aeroporto máis grande do Perú, o de Arequipa, obrigando a suspender os voos e desatando un choque coas forzas de seguridade que provocou feridas en cando menos catro persoas. 24 horas antes, os manifestantes tomaron o aeroporto de Andahuaylas.

A primeira hora, máis de 30 estradas permanecían fechadas polas mobilizacións. Amais, foi reportada a toma de varias comisarías e da Universidade Nacional de Cajamarca, así como manifestacións a noite anterior en múltiples partes do país; en Lima, milleiros de persoas ateigaron a praza de San Martín.

Estas protestas, que descoñecen o Executivo de Dina Boluarte, demandan a liberación do ex presidente Pedro Castillo, destituído a cuarta feira polo Congreso, así como a convocatoria de eleccións xerais e o inicio do proceso constituínte defendido polo ex mandatario.

Após a confusión dos primeiros momentos despois de que Castillo tratara de disolver o lexislativo e o órgano, controlado pola oposición conservadora, acabara co seu mandato, as organizacións sociais están a impulsar unhas manifestacións que teñen fixada a quinta feira como o día no que acudirán en masa á capital, Lima.

A Federación de Estudantes, múltiples rondas labregas (organizacións comunais de defensa), a Fronte Nacional de Transportistas ou a Confederación Xeral de Traballadores acabaron por unirse a unhas protestas nas que teñen un gran protagonismo as entidades de base, que, como en Apurímac, declaráronse en insurrección popular até que se asuman as súas reivindicacións.

As protestas están a ser reprimidas polas forzas de seguridade do Perú, o que deixou dúas mortes segundo confirmou a Defensoría do Pobo, a dun menor de idade de 15 anos que recibiu un disparo, e a dun home de 18 cun forte impacto na cabeza. Á vez, máis de 30 persoas foron feridas, incluída unha nena de 14 anos que recibiu un disparo nun ollo, e once detidas.

A oficina da Organización das Nacións Unidas para os dereitos humanos sinalou que a Policía está a aplicar “un uso innecesario e desproporcionado da forza e un uso indiscriminado do gas lacrimóxeno”. Tamén condenaron a represión a Organización dos Estados Americanos e a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos.

Adianto electoral

Despois de xurar o cargo até 2026, cando remataría o mandato de Castillo, Boluarte fixo público na madrugada da segunda feira que presentará un Proxecto de lei para adiantar as eleccións a 2024. Para cambiar a data dos comicios podería aproveitar unha das accións do lexislativo para tratar de acabar co Goberno de Castillo, lanzando unha limitada reforma constitucional que nun primeiro momento buscaba que se efectuaran as votacións en 2023.

Ao tempo, comunicou que declarou o estado de emerxencia nos departamentos de Ica, Arequipa e Apurímac, “zonas de alta conflitividade social”, indicou.

Pola súa parte, tanto o Poder Xudicial como a maioría no lexislativo, aliados conservadores contra Castillo, tratan de mantelo en prisión entrementres milleiros de persoas se achegan  cada día á cadea na que está detido.

O Congreso, que tivo que suspender a súa sesión do domingo polos enfrontamentos entre deputados, volveu horas despois e aprobou a altas horas da madrugada eliminar o foro especial a Castillo, o que permite acelerar un xuízo na súa contra.

Pouco despois, a fiscal xeral, Patricia Benavides, presentou unha segunda denuncia constitucional contra Castillo, nesta ocasión polos presuntos delitos de rebelión e conspiración. Esta acusación é a única vía que permite ter a Castillo apresado baixo as leis peruanas.

Xunta el foron imputados a ex primeira ministra, Betssy Chávez, o seu antecesor, Aníbal Torres, e os ministros de Interior e Comercio Exterior do último gabinete de Castillo, Willy Huerta e Roberto Sánchez respectivamente.

Torres, que se desempeñaba como avogado de Castillo, subliñou que a denuncia contra el busca “illar e humillar [o ex presidente] para dar a mensaxe de que ninguén do pobo se atreva a gobernar o país”, polo que pasa “á clandestinidade”.

Asemade, defendeu que a detención de Castillo é ilegal, así como a destitución  do Congreso, polo que salientou que a Constitución do Perú permite perante un Goberno usurpador a “insurrección en defensa da orde constitucional”.

Comentarios