Informes da intelixencia norteamericana recollen que Al Qaeda ten acceso a gas sarín

Estaría a se producir no Iraque e chegaría a Siria através de Turquía, segundo a "información clasificada" revelada por un antigo analista do Pentágono.

Siria
photo_camera Siria


As milicias de Al Qaeda que combaten contra o Exército de al Assad teñen acceso a gas sarín, que se estaría a producir no Iraque e que chega a Siria através de Turquía. Isto é o que se desprende de informes da intelixencia norteamericana revelados por un antigo analista do Pentágono, Michael Maloof.

En conversa con Russia Today, a televisión de fala inglesa propriedade do Estado ruso, Maloof afirma que dispón dunha "fonte" que ten conexión directa con "información clasificada" e, segundo a cal, parte da produción de gas sarín que finda por chegar a Siria foi confiscada en Turquía.

Os informes da intelixencia norteamericana constatan que a produción do armamento químico en emprazamentos no Iraque non fai máis que aumentar, financiada por Arabia Saudita.

Maloof ofrece outro dado que, de ser certo, desmontaría todas as teses norteamericanas a respeito da responsabilidade de Damasco no ataque químico producido o 21 de Agosto en Ghouta, arrabaldo  da capital siria.

John Kerry, o secretario de Estado dos EUA,  literalmente dixo que "nós sabemos" desde que unidade da artillaria siria e desde que outeiro se dispararon os proxectís contra Ghouta. Maloof pon en dúbida a versión de Kerry e recorda que o alto cargo da Administración Obama se nega a achegar probas.

Fontes militares contradín a Kerry

O antigo analista do Pentágono revela que as súas fontes no corazón do aparato de intelixencia norteamericana lle dixeron que, en realidade, ao Exército dos EUA non lle consta que o 21 de Agosto a artillería siria disparase contra Ghouta. Todas as instalacións artilleiras sirias están permanentemente monitorizadas pola intelixencia norteamericana. 

Perguntado por Russia Today polas razóns que levaron á Administración Obama a recuar sobre os seus planos de ataque inminente a Siria, Michael Maloof xulga que os Estados Unidos non se poden permitir o luxo de "ir a unha nova guerra" sen ter garantido o suceso [após o estancamento e mesmo os retrocesos de conflitos como o de Afganistán].

O facto de Al Qaeda ser unha parte moi significativa da oposición a Assad debilita a Administración Obama á hora de vender á opinión pública do seu país o ataque a Siria, acrecenta Maloof.

Mentres, a equipa de inspectores da ONU -cuxo informe revela que se utilizaron armas químicas no ataque do 21 de Agosto, mais non sinala como responsábel a ningún dos bandos en combate- anunciou esta cuarta feira que retornará a Siria nas próximas semanas para investigar "alegados ataques químicos" que terían sido perpetrados "por ambos lados, porén talvez máis por parte do Goberno de Assad".

Comentarios